luns, 16 mai 2011
O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, anunciou hoxe que o vindeiro martes, 17 de maio, celebrarase un roteiro etnográfico e arqueolóxico na parroquia de Saiáns. O percorrido terá lugar de 11 a 14 horas dende o parque forestal de Saians e a visita guiada correrá a cargo do arqueólogo Eduardo Velázquez. Este roteiro súmase aos creados en Candeán e Zamáns, e segundo o concelleiro nacionalista, con esta iniciativa quérese dar e coñecer e poñer en valor o rico patrimonio vigués, "favorecendo que se convertan nun recurso que reforce o valor cultural e identitario das parroquias".
xoves, 5 mai 2011
O sábado 7 de maio terá lugar a segunda das rutas do programa da concellería de Patrimonio Histórico, "Vigo: a descoberta da historia", que integra catro rutas que se celebrarán en sábados alternativos.Tras saír ás 11 horas dende a Colexiata, terá paradas nas prazas da Constitución e da Princesa, a rúa Imperial, as Portas da Gamboa e Laxe, o hotel Universal, o monumento a Elduayen, a Praza de Compostela, Policarpo Sanz e a Porta do Sol.<br />
venres, 29 abr 2011
O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, anunciou que o sábado 30 darase a coñecer o fallo do certame de pintura "Novos valores da plástica galega" e a homenaxe aos autores galegos nun acto que terá lugar na Pinacoteca da Cidade ás 12 horas. "Queremos render homenaxe aos grandes nomes da nosa arte e tamén poñer en valor o traballo da xente nova", indicou.
venres, 29 abr 2011
A nova edición do mercado de produtos tradicionais galegos que a Concellería de Patrimonio Histórico organiza no Paseo de Alfonso propón para o vindeiro domingo diversas actividades paralelas, ademais da posibilidade de mercar produtos ecolóxicos. O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, destacou que será posible participar nun obradoiro de bioconstrución e coñecer tres experiencias relacionadas co produto ecolóxico, como a da Fundación Galiciaverde.
venres, 29 abr 2011
O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, anunciou a posta en marcha dun novo programa para coñecer a historia e o patrimonio de Vigo. Trátase da proposta "Vigo: a descoberta da historia", que integra catro rutas que se celebrarán en sábados alternativos. O nacionalista informou de que a primeira delas, "Da cultura castrexa ao século XIX, os orixes do Vigo moderno" partirá mañá, 30 de abril, ás 11 horas dende o poboado castrexo de O Castro.
luns, 25 abr 2011
O Pleno da Corporación municipal aprobou hoxe luns por unanimidade o regulamento e a ordenanza do servizo de préstamo das bicicletas eléctricas da cidade, que inicialmente funcionarán no Casco Vello. Na súa intervención o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, anunciou que este servizo será o complemento do bus eléctrico que empezará a funcionar a semana que vén e será "o primeiro para o transporte público de Galiza". Segundo dixo o concelleiro nacionalista, a aposta pola mobilidade e pola utilizacións de transportes alternativos é un paso máis na aposta do tenente de alcalde, Santi Domínguez, pola recuperación do Casco Vello.
xoves, 14 abr 2011
Enmarcada na conmemoración da declaración da II República hai hoxe 80 anos, o Museo da Cidade "Quiñones de León" organiza mañá, 15 de abril ás 20 horas na Casa Galega da Cultura, a conferencia "A arte galega na República", a cargo do crítico Carlos L. Bernárdez. Segundo informa a Concellería de Patrimonio Histórico, para a arte galega o período republicano supuxo unha época dourada, especialmente co pulo de artistas como Laxeiro, Colmeiro, Maside e Souto, entre outros, cuxas mellores obras poden contemplarse na propia Pinacoteca, recentemente inaugurada na rúa Abeleira Menéndez.
venres, 8 abr 2011
O éxito acadado pola proposta "Vigo: a ruta da historia", que congregou a máis de 200 persoas o pasado domingo para coñecer lugares emblemáticos da cidade, propiciou a convocatoria de novos percorridos para os vindeiros meses. Segundo anunciou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, a primeira destas visitas guiadas terá lugar mañá, 9 de abril, e sairá dende o poboado do Castro ás 11 horas.
venres, 1 abr 2011
A oitava edición do mercado de produtos tradicionais galegos que organiza a Concellería de Patrimonio Histórico no Paseo de Alfonso iniciará unha nova etapa o vindeiro domingo, 3 de abril, coa ampliación do espazo utilizado e a celebración de dúas charlas de produtores ecolóxicos e un obradoiro de cestería para familias. O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, destacou ademais que a visita á feira formará parte do programa "Camiña e coñece", que o domingo fará un percorrido pola "Ruta da historia" da cidade.
mércores, 30 mar 2011
Os concelleiros de Cultura, Xesus López; Deportes, Xabier Alonso, e Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, presentaron este mércores unha nova edición do programa "Camiña e Coñece", que o vindeiro domingo 3 de abril percorrerá diversos puntos do centro da cidade que configuran "Vigo, a ruta da historia". Os concelleiros nacionalistas destacaron que o obxectivo desta iniciativa é poñer en valor o patrimonio cultural da cidade percorrendo a pé os seus barrios e parroquias e avanzaron que a nova ruta sairá do poboado castrexo de O Castro ás 10 horas.