Eudosio Álvarez anima a participar mañá sábado na ruta "Vigo: a descoberta da historia" que partirá da Colexiata

venres, 20 mai 2011

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, animou aos cidadáns e cidadás a participar mañá na ruta "Vigo: a descoberta da historia", que partirá ás 11 horas dende a Colexiata, en pleno Casco Vello. Esta proposta, "O século XIX, o nacemento da cidade" fará un percorrido polos espazos máis representativos da cidade do século XIX e e primeira metade do século XX.

Eudosio Álvarez anima a participar o mércores nas propostas do Museo da Cidade con motivo do Día dos Museos

luns, 16 mai 2011

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, anunciou hoxe que o Museo da Cidade Quiñones de León acollerá o mércores, 18 de maio, diversas propostas para conmemorar o Día Internacional dos Museos. O nacionalista convida á cidadanía a participar nas visitas guiadas ao pazo, que terán lugar ás 17 e ás 18.30 horas baixo o nome "O museo da memoria", e na actividade "Te ao solpor no xardín de Castrelos", que se celebrará ás 20.30 horas.

Eudosio Álvarez anuncia que a visita guiada á área etnográfica e arqueolóxica de Saiáns terá lugar o vindeiro 17 de maio

luns, 16 mai 2011

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, anunciou hoxe que o vindeiro martes, 17 de maio, celebrarase un roteiro etnográfico e arqueolóxico na parroquia de Saiáns. O percorrido terá lugar de 11 a 14 horas dende o parque forestal de Saians e a visita guiada correrá a cargo do arqueólogo Eduardo Velázquez. Este roteiro súmase aos creados en Candeán e Zamáns, e segundo o concelleiro nacionalista, con esta iniciativa quérese dar e coñecer e poñer en valor o rico patrimonio vigués, "favorecendo que se convertan nun recurso que reforce o valor cultural e identitario das parroquias".

O sábado, segunda ruta do programa "Vigo: a descoberta da historia"

xoves, 5 mai 2011

O sábado 7 de maio terá lugar a segunda das rutas do programa da concellería de Patrimonio Histórico, "Vigo: a descoberta da historia", que integra catro rutas que se celebrarán en sábados alternativos.Tras saír ás 11 horas dende a Colexiata, terá paradas nas prazas da Constitución e da Princesa, a rúa Imperial, as Portas da Gamboa e Laxe, o hotel Universal, o monumento a Elduayen, a Praza de Compostela, Policarpo Sanz e a Porta do Sol.<br />

A Pinacoteca acolle o sábado o fallo do certame "Novos valores da plástica galega" e unha homenaxe aos autores galegos

venres, 29 abr 2011

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, anunciou que o sábado 30 darase a coñecer o fallo do certame de pintura "Novos valores da plástica galega" e a homenaxe aos autores galegos nun acto que terá lugar na Pinacoteca da Cidade ás 12 horas. "Queremos render homenaxe aos grandes nomes da nosa arte e tamén poñer en valor o traballo da xente nova", indicou.

A feira tradicional do Paseo de Alfonso inclúe o domingo tres charlas sobre ecoloxía e un obradoiro de bioconstrución

venres, 29 abr 2011

A nova edición do mercado de produtos tradicionais galegos que a Concellería de Patrimonio Histórico organiza no Paseo de Alfonso propón para o vindeiro domingo diversas actividades paralelas, ademais da posibilidade de mercar produtos ecolóxicos. O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, destacou que será posible participar nun obradoiro de bioconstrución e coñecer tres experiencias relacionadas co produto ecolóxico, como a da Fundación Galiciaverde.

Eudosio Álvarez anuncia que o sábado comeza a primeira ruta do programa "Vigo: a descoberta da historia" dende O Castro

venres, 29 abr 2011

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, anunciou a posta en marcha dun novo programa para coñecer a historia e o patrimonio de Vigo. Trátase da proposta "Vigo: a descoberta da historia", que integra catro rutas que se celebrarán en sábados alternativos. O nacionalista informou de que a primeira delas, "Da cultura castrexa ao século XIX, os orixes do Vigo moderno" partirá mañá, 30 de abril, ás 11 horas dende o poboado castrexo de O Castro.

O Pleno aproba o regulamento e a ordenanza para a posta en marcha do servizo de bicis eléctricas no Casco Vello

luns, 25 abr 2011

O Pleno da Corporación municipal aprobou hoxe luns por unanimidade o regulamento e a ordenanza do servizo de préstamo das bicicletas eléctricas da cidade, que inicialmente funcionarán no Casco Vello. Na súa intervención o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, anunciou que este servizo será o complemento do bus eléctrico que empezará a funcionar a semana que vén e será "o primeiro para o transporte público de Galiza". Segundo dixo o concelleiro nacionalista, a aposta pola mobilidade e pola utilizacións de transportes alternativos é un paso máis na aposta do tenente de alcalde, Santi Domínguez, pola recuperación do Casco Vello.

A Casa Galega da Cultura acolle mañá venres a conferencia "A arte galega na República"

xoves, 14 abr 2011

Enmarcada na conmemoración da declaración da II República hai hoxe 80 anos, o Museo da Cidade "Quiñones de León" organiza mañá, 15 de abril ás 20 horas na Casa Galega da Cultura, a conferencia "A arte galega na República", a cargo do crítico Carlos L. Bernárdez. Segundo informa a Concellería de Patrimonio Histórico, para a arte galega o período republicano supuxo unha época dourada, especialmente co pulo de artistas como Laxeiro, Colmeiro, Maside e Souto, entre outros, cuxas mellores obras poden contemplarse na propia Pinacoteca, recentemente inaugurada na rúa Abeleira Menéndez.

A segunda edición do percorrido "Vigo: a ruta da historia" celebrarase mañá sábado dende o poboado castrexo do Castro

venres, 8 abr 2011

O éxito acadado pola proposta "Vigo: a ruta da historia", que congregou a máis de 200 persoas o pasado domingo para coñecer lugares emblemáticos da cidade, propiciou a convocatoria de novos percorridos para os vindeiros meses. Segundo anunciou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, a primeira destas visitas guiadas terá lugar mañá, 9 de abril, e sairá dende o poboado do Castro ás 11 horas.