Escoitar

A feira do Paseo de Alfonso celebra o domingo o Día Mundial do Medio Ambiente con obradoiros sobre sostenibilidade

A conmemoración o 5 de xuño do Día Mundial do Medio Ambiente terá o seu espazo na feira tradicional do Paseo de Alfonso que organiza a Concellería de Patrimonio Histórico. Neste sentido, o concelleiro en funcións, Eudosio Álvarez anuncia que o vindeiro domingo, as actividades paralelas consistirán en dous obradoiros sostibles que se desenvolverán ao longo de toda a mañá, así como dúas charlas sobre consumo responsable e o réxime de cooperativas.

venres, 3 xuñ 2011
Segundo destaca o concelleiro de Patrimonio Histórico, a Feira recolle moitos obxectivos que marca a celebración do Dia Mundial do Medio Ambiente, e lembra que esta data é un dos principais vehículos que as Nacións Unidas utilizan para fomentar a sensibilización mundial sobre o medio ambiente e promover a atención e acción política ao respecto. Respecto ás actividades paralelas, Eudosio Álvarez explica que un dos obradoiros estará dirixido pola artesá e deseñadora Belén Alonso, no que combinará a madeira de dúas materias primas naturais, vimbio e corcho, con materiais de refugallo. O taller de vidro soprado correrá a cargo de Rosendo Tellechea, no que amosará aos participantes esta vella técnica, hoxe case desaparecida de fabricación de obxectos en vidro reciclado mediante a utilización dun forno, unha caña e os seus pulmóns.
No tocante as charlas, a primeira será de 12 a 12:30 horas e correrá a cargo de Manuel González Garrido, expresidente e fundador da Cooperativa Árbore falará do "Consumo Responsable". De 12:30 a 13 horas terá lugar a segunda charla, na que Xoán López Vilaboa, da Cooperativa Cabalar, falará da "Experiencia dunha explotación silvopastoral en réxime cooperativo".
Os produtos ecolóxicos de horta chegarán da man da firma Finca Con da Santa e Hortinha da Ponte. Como novidade nesta edición poderase atopar o salchichón de poldro e porco ibérico de Monte Cabalar, unha cooperativa de explotación comunitaria da terra que agrupa aproximadamente 3.600 propiedades de máis de 1.000 propietarios en A Estrada. Nesta edición tamén haberá unha boa selección de meles do pais, coa Mel de San Cosme de Nigrán, con denominación de orixe, que traerá ademais licores; e a mel da Cooperativa Erica Mel, de Rairiz de Vega Ourense), que leva 15 anos producindo mel galega de carballo, castiñeiro e bosque, así como polen multifloral.

Como vén sendo habitual, a cestería estará representada por Antonio Suárez, apelido de centenaria tradición na nosa cidade cos seus produtos tecidos en vimbio e madeira. Completarán o espazo o pan ecolóxico de Panadería Divina, traído todos os meses dende Santiago expresamente para a feira; os ovos e pitos Soutodeherville, produtores da galiña de Mos; a cor das plantas e flores do centenario viveiro vigués J. Flores, así como Diego o pulpeiro, o viño ecolóxico de Valdeorras e D.O. Ribeira Sacra.

Jorge Corcoba volve de novo á feira cos seus traballos en madeira tallada e torneada, traendo tamén unhas boas cereixas da súa horta e conservas ecolóxicas de pemento asado, xudía, millo, marmelada de cebola, pemento verde e laranxa. No tocante aos complementos, estarán Artcoiris, nome que utiliza María Veiga Suárez para elaborar os seus deseños en de bisutería de prata e cobre; Milagros Ustra e os seus bolsos feitos con retais de pancartas publicitarias; María José Lois e os seu tecidos actuais con técnicas tradicionais; así como María José Feijó, que no seu obradoiro Verdes Manzanas elabora panos de seda natural pintados a man alzada sen plantillas e patróns.