O teatro infantil continúa o domingo no Auditorio Municipal coa obra "Valados", de Artestudio Teatro
A programación estable de artes escénicas que organiza a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural no Auditorio Municipal continúa o domingo co programa "con t minúsculo", dirixido ao público infantil. Ás 18 horas, a compañía Artestudio Teatro representará a obra "Valados". As entradas teñen un prezo de 3 euros para os nenos e nenas até 12 anos e de 5 euros para os maiores; pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación.
"Valados" narra a historia de Helena e Xoel e da súa fermosa amizade na súa vila, chea de vida, ata que un vento fantasmagórico lle rouba a ledicia e o amor e aproveita as diferenzas entre as persoas para convertelas en prexuízos. Estes "prexuízos adultos" son suficientes para erguer un valado que parte a cidade en dous, deixando a Helena a un lado e a Xoel ao outro. A rebeldía, o enxeño e o amor que os unen serán as ferramentas para crear artimañas de comunicación e seguir así xuntos aínda que separados. A programación cultual completa pódese consultar na web www.vigocultura.org.