Escoitar

Feira, a mostra da artesanía e ecoloxía volve repleta de actividades ao Casco Vello

O sábado 2 de febreiro haberá unha nova edición de FEIRA, o mercado de produtos tradicionais integrado no programa COMERCIO A RÚA. Esta iniciativa xorde da colaboración entre o Concello de Vigo, a Asociación de Comerciantes Vigo Vello e a Sociedade Galega para a Difusión e Conservación do Patrimonio (SGDCP), coa participación da Asociación de Produtores Ecolóxicos Galegos APEGA.

venres, 1 feb 2013
1359716808feira.jpg
Como ata agora, FEIRA un mercado ao aire libre de carácter mensual, porá á disposición da cidadanía produtos de calidade ecolóxicos e con denominación de orixe. Poñer en valor a nosa artesanía e recuperar a vella tradición dos mercados ao aire libre do Casco Vello é o obxectivo desta iniciativa cultural.

O horario de inverno do mercado será ininterropido de 10.00 a 19.00 h e ademais de exposición e venda de produtos durante todo o sábado haberá actividades vinculadas á gastronomía e á artesanía.

Como na edición anterior, a procedencia dos participantes abarca toda Galicia e destaca por riba de todo a ampla selección de artesáns e agricultores de Vigo e comarca. Na Praza da Pedra e arredores ubicaranse os expositores con postos diferenciados segundo se trate de produtores de alimentos ou artesáns.

O CONSUMO BIO-LÓXICO
Como explicaba a pioneira da agricultura ecolóxica en Galicia, Ágatha Broeskamp,
"Cremos que esta forma de cultivar é moito máis (bio-)lóxica, porque protexe a saúde, o medio ambiente e a economía, tanto a de quen cultiva como a da sociedade. Está en consonancia coas leis da natureza."
Segundo esta labrega a necesidade de pasarse ao consumo de produtos ecolóxicos é real: "Todo o mundo que ten temor ó cambio climático, ten que cambiar a ecolóxico, porque se a agricultura fose 100 % eco, aforraríamos o 25% das emisións."


CALDO DE TEMPORADA
Os produtos de temporada nesta ocasión son os ingredientes do caldo, un alimento moi completo do que se fará unha degustación.
Adelina, a propietaria de Finca Con da Santa, a horta ecolóxica do Grove que surte aos mellores restaurantes da comarca cociñará unha enorme ola coa súa receita. Ela é fiel a FEIRA dende o inicio do proxecto o mesmo que son fieis os compradores que todos os meses fan cola para levarse a primeira hora as súas froitas e verduras.
Realizará este prato reconfortante só con produtos cultivados na súa horta e recollidos no mesmo día. A continuación daranos unha charla sobre as propiedades de cada un dos ingredientes.

OBRADOIROS E ACTIVIDADES PARA TODOS OS PÚBLICOS

As actividades paralelas de FEIRA están pensadas para todos os públicos e realizaranse nas carpas que a organización disporá na mesma Praza da Pedra.

Para as familias que se acheguen, ás 12.00 h realizarase un obradoiro de Pop Up a cargo do colectivo Lacostra. Pop Up son preciosos obxectos tridimensionales creados con papel.

Ás 13.30 actuará o dúo Two in the mirror formado por Noelia Álvarez na voz e Paco Dicenta ao baixo eléctrico e os efectos. Realizan versións de temas pop, rock, funk e soul adaptándoas ao seu elegante e particular estilo. Música en inglés, castellano, italiano e incluso hebreo.

Ás 16:30 h Belén Alonso da firma Chirliña propón un obradoiro no que realizar un disfraz para este entroido. O obradoiro terá un custo de 5€ para cubrir os gastos de material. Nesta actividade poderán participar familias con nenos e nenas a partir de catro anos.

Coma sempre, nos seus postos os produtores ecolóxicos realizarán degustación dos produtos a venda para dar a coñecer as características deste tipo de alimentación e a importancia de consumir alimentos de temporada cultivados no contorno, os que mellor se adecúan as necesidades

Está aberta a selección de participantes para os vindeiros meses a través dunha convocatoria na web www.patrimoniodegalicia.org, a páxina oficial da Sociedade Galega para a Difusión e Conservación do Patrimonio.
Descargar todas as imaxes