martes, 1 xuñ 2010
A concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, presentou este martes a nova web que este departamento vén de poñer en marcha sobre a violencia de xénero, www.igualdadevigo.org/violencia. A edil do BNG destacou que esta nova ferramenta ten o obxectivo de achegar os recursos municipais e fomentar a comunicación coa cidadanía.
luns, 10 mai 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, presentaron este luns a programación organizada con motivo do Día das Letras Galegas. Os nacionalistas explicaron que este ano as actividades se desenvolverán sobre todo os días 15 e 16 de maio e convidaron á cidadanía a participar tanto nas iniciativas propostas como na manifestación que se celebrará o día de 17 en Compostela "polo momento difícil que está a atravesar a nosa lingua".
venres, 23 abr 2010
A concelleira de Normalización Lingüística e Xuventude, Iolanda Veloso, e o edil de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, presentaron este venres o programa "Meu. Coñecéndonos, descubríndonos", que ten o obxectivo de poñer en valor o patrimonio cultural de Vigo e a súa área a través da toponimia. Os nacionalistas salientaron que esta iniciativa, destinada á poboación en xeral, a mocidade e os nenos e nenas, se enmarca nun proxecto máis amplo que desenvolven as áreas coordinadas pola Tenencia de Alcaldía.
mércores, 21 abr 2010
A concelleira de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, presentou este mércores o programa "Un mar de viñetas", dirixido a escolares e profesorado de Vigo. Na presentación, na que tamén participou o deseñador Kiko da Silva, a concelleira asegurou que o obxectivo desta iniciativa é "favorecer o achegamento dos mozos e mozas á lectura en galego dun xeito atractivo" e utilizar a banda deseñada como ferramenta didáctica.
mércores, 7 abr 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, salientaron hoxe a importancia de que a Biblioteca Nacional de París amosara o seu interese pola literatura galega e decidira crear unha sección de infantil e xuvenil. Tras a xuntanza que mantiveron coa xestora dos fondos en literatura galega desta biblioteca francesa, Marie-Isabelle Prado, o edil asegurou que a inauguración desta sección na Biblioteca Nacional de París "vai prestixiar a nosa lingua, a nosa creación literaria e a difundir a nosa cidade".
martes, 9 mar 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, asistiron este martes ao pase da película Pérez II, do programa "Unha lección de cine" que se desenvolve nos Cines Yelmo CinePlex do centro comercial Travesía, e no que participan máis de 300 rapaces e rapazas en cada sesión. Os conceleiros destacaron que ata o final do programa 3.600 nenos e nenas participarán desta proposta, que une dun xeito lúdico cine e lingua.
xoves, 4 mar 2010
A concelleira de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, salientou este xoves que a mostra "Crónicas da represión lingüística" lembra que poden volver "prexuízos que pensabamos que xa non existían". Na inauguración da exposición, instalada no IES Politécnico e coordinada polo documentalista Xan Leira, a edil animou aos alumnos e alumnas asistentes ao acto a "reflexionar sobre o tema da mostra e pensar que se refire a nosa historia máis recente".
luns, 1 mar 2010
A convocatoria "Compartimos unha cidade. Compartamos as nosas linguas", organizadas por las áreas de Benestar Social e de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, péchase o martes día 2 de marzo, cunha mesa redonda na que se vai a debatir os distintos vieiros de actuación para acadar a integración das persoas inmigrantes na cidade de Vigo. O acto está previsto a partir das 17 horas no auditorio do Edificio Municipal da Rúa Areal.<br />
xoves, 25 feb 2010
A concelleira de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, e o edil de Cultura, Xesus López, presentaron este xoves o concerto de balde DuploR, que terá lugar mañá, 26 de febreiro, na sala Mondo ás 19.30 horas. Os nacionalistas salientaron que o obxectivo desta iniciativa é unir dúas liñas como son a tradición galega das regueifas e a expresión cultural urbana que son o rap e o hip hop.
luns, 22 feb 2010
O martes, 23 de febreiro, desenvolverase unha nova xornada da convocatoria "Compartimos unha cidade. Compartamos as nosas linguas", no auditorio municipal do Areal en horario de 17 a 20 horas. A convocatoria ten como finalidade dar a coñecer a realidade lingüística de Vigo e Galiza e artellar camiños para a integracións das persoas inmigrantes.