Escoitar

O programa "Meu. Coñecéndonos, descubríndonos" tenta poñer en valor o patrimonio cultural a través da toponimia

A concelleira de Normalización Lingüística e Xuventude, Iolanda Veloso, e o edil de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, presentaron este venres o programa "Meu. Coñecéndonos, descubríndonos", que ten o obxectivo de poñer en valor o patrimonio cultural de Vigo e a súa área a través da toponimia. Os nacionalistas salientaron que esta iniciativa, destinada á poboación en xeral, a mocidade e os nenos e nenas, se enmarca nun proxecto máis amplo que desenvolven as áreas coordinadas pola Tenencia de Alcaldía.

venres, 23 abr 2010
1272026192meu.JPG
Iolanda Veloso, na súa intervención, salientou que se trata dun "programa ambicioso" que ten a finalidade de coñecer Vigo e a súa contorna a través do seu patrimonio, toponimia e do seu medio, así como ampliar o coñecemento da lingua. Explicou que se desenvolverán charlas, mesas redondas e visitas aos montes veciñais e lugares de interese do patrimonio para coñecer o patrimonio que agocha cada lugar.

A concelleira de Normalización Lingüística tamén sinalou que está previsto celebrar cursos sobre o patrimonio industrial e publicacións sobre a toponimia das parroquias, que darán continuidade ao volume presentado hai uns meses sobre Coia.

Destinado á mocidade, a Concellería de Xuventude está preparando un campamento de verán no que se desenvolverán actividades lúdicas, obradoiros e visitas a lugares de interese. Iolanda Veloso indicou que dende esta concellería tamén se realizarán roteiros polo Vigo arqueolóxico, guiados e gratuítos, e un xogo didáctico na rede.

Finalmente, indicou para a poboación infantil as actividades propostas teñen como fío condutor o libro "Os Bolechas queren saber... sobre toponimia e a historia de Vigo", un quebracabezas sobre a historia de Vigo e diversas unidades didácticas destinadas especificamente para a poboación escolar.

Eudosio Álvarez, pola súa banda, salientou a importancia deste programa como "complemento idóneo" dos proxectos que se están a desenvolver dende a Tenencia de Alcaldía e as concellerías de Normalización Lingüística, Cultura, Xuventude e Patrimonio Histórico, así como o museo Verbum. Asemade, o concelleiro de Patrimonio Histórico asegurou que é "un luxo" contar cun equipo como o de Normalización Lingüística, dirixido por Iolanda Veloso, "que é capaz de sacar adiante un proxecto tan ambicioso como este".
Descargar todas as imaxes