Escoitar

O primeiro plan divulgativo do Museo da Cidade inclúe visitas e obradoiros en Castrelos, Toralla e o Castro

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou este xoves o primeiro plan divulgativo do Museo da Cidade, que segundo explicou inclúe visitas a distintos espazos, como o pazo e os xardíns de Castrelos e aos xacementos de Toralla e O Castro. As visitas pódense facer por libre ou guiadas e en todos os casos son gratuitas. Santi Domínguez explicou que se realizarán da man de Landriña, que será a mascota do museo.

xoves, 22 abr 2010
1271941122plandivulgativomuseo.jpg
"No proceso de reorganizar e poñer en valor o Museo da Cidade e o resto do patrimonio vigués é fundamental desenvolver un programa divulgativo", afirmou o tenente de alcalde, na presentación do plan, na que tamén participaron o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, e o director do Museo da Cidade "Quiñones de León", José Ballesta.

Santi Domínguez explicou que este plan divulgativo, o primeiro que se aborda para difundir a riqueza cultural e patrimonial da cidade, xurdiu do convencemento de que o Museo da Cidade era pouco coñecido, incluso entre os vigueses e viguesas, polo que un dos obxectivos ao chegar ao goberno municipal foi o de "popularizar o Museo da Cidade".

Salientou que unha das novidades do programa consiste na organización de visitas aos xardíns históricos de Castrelos, que se unen ás visitas ao pazo, á sala de arqueoloxía, e aos xacementos de O Castro e da vila romana de Toralla. Outra das novidades que destacou o tenente de alcalde é que o programa contempla un apartado específico para familias, que inclúe obradoiros durante os fins de semana, e outro para escolares.

"Trátase de pasalo ben e gozar do noso patrimonio e Landriña ocuparase de desenterrar a idea de que as visitas aos museos son aburridas", asegurou o tenente de alcalde na presentación. Así, afirmou que en todos os obradoiros os nenos e nenas terán un protagonismo especial, de xeito que poderán iniciarse na aventura de ser arqueólogos, facendo escavacións en distintas épocas históricas "sempre asesorados por Landriña, experta coñecedora dos tesouros da nosa cidade".

Ademais, Santi Domínguez indicou que tamén será posible coñecer a historia da cidade a través do seu patrimonio, mediante un percorrido que comeza no xacemento de O Castro, continúa polo Casco Vello e chega ata a zona do Ensanche. Esta iniciativa será "Á descoberta de Vigo".

Este plan divulgativo únese aos proxectos recentemente presentados para a futura Pinacoteca da Cidade e o Centro Galego de Fotografía, polo que segundo afirmou o tenente de alcalde, "o BNG en materia cultural está deixando unha estela moi difícil de superar". Ao seu xuízo, con estas actuacións, Vigo será o "referente cultural de Galiza" e unha cidade pioneira no eido cultural.

En resposta aos medios sobre o inicio dos obradoiros e as visitas guiadas, o concelleiro de Patrimonio Histórico dixo que parte do proxecto xa está funcionando e é coordinado dende o pazo de Castrelos, onde se ubica o Servizo de Atención ao Visitante e co que se pode contactar a través dos números 986 295 070 e 986 295 075 de luns a venres de 9 a 14 horas. "Este non é un plan temporal, senón que continuará ao longo do tempo e permite incluir cambios en función das necesidades que se presenten", comentou Eudosio Álvarez.

O concelleiro de Patrimonio Histórico destacou que, xa antes da presentación do plan divulgativo, se está notando que Castrelos "está renacendo das súas cinzas". Ao respecto fixo referencia aos datos de visitantes dos tres primeiros meses de 2010, e sinalou que en xaneiro houbo 364 visitantes, en febreiro 417 e en marzo, cando o plan xa funcionaba de forma piloto, chegouse a 883.

Eudosio Álvarez indicou que a este incremento é preciso sumarlle o número de visitantes ao xacemento de O Castro, que xa son máis de 10.000, os máis de 1.500 ao xacemento de Toralla, e os que visitaron a exposición de Álvarez, polo que ao seu xuízo "podemos dicir que se está notando un incremento elevado de visitantes. Neste sentido agradeceu "a sintonía coa cidadanía polo seu respaldo ao noso proxecto museístico".
Descargar todas as imaxes