Escoitar

Iolanda Veloso destaca que "Un mar de viñetas" tenta potenciar a lectura en galego dun xeito atractivo

A concelleira de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, presentou este mércores o programa "Un mar de viñetas", dirixido a escolares e profesorado de Vigo. Na presentación, na que tamén participou o deseñador Kiko da Silva, a concelleira asegurou que o obxectivo desta iniciativa é "favorecer o achegamento dos mozos e mozas á lectura en galego dun xeito atractivo" e utilizar a banda deseñada como ferramenta didáctica.

mércores, 21 abr 2010
1271854112ioalandakiko.jpg
Iolanda Veloso destacou asemade que "Un mar de viñetas" tenta "dar a coñecer a banda deseñada en galego", no marco de poñer en valor as manifestacións artísticas e facilitar o encontro dos creadores co seu público potencial. Explicou que o programa inclúe obradoiros de banda deseñada para escolares, que se desenvolven ata o 30 de abril, en horario escolar, en diferentes centros educativos de Vigo.

En total, a proposta inclúe 30 sesións, das que 18 teñen lugar en centros de ensino de primaria e 12 en centros de ensino de secundaria. Entre todos eles a concelleira de Normalización Lingüística destacou o centro Saladino Cortizo, posto que a banda deseñada se emprega como actividade de integración. Os autores que levan a cabo estes obradoiros para escolares son Kiko da Silva, Norberto Fernández, Fran Bueno, Fernando Iglesias e Jacobo Fernández.

"Un mar de viñetas" tamén inclúe obradoiros dirixidos ao profesorado, que se desenvolven no Museo Marco ata o día 23 de abril, de 18 a 20 horas. Ademais do creador Kiko da Silva tamén participan Fran Bueno, Jacobo Fernández e Fernando Iglesias. Xa en xullo este programa ten previsto celebrar unha exposición de banda deseñada.

Kiko da Silva, pola súa banda, destacou a importancia de atopar o apoio dos concellos para normalizar a banda deseñada e neste sentido agradeceu a colaboración da Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Vigo. Fixo referencia ao dato de que Galiza é un dos lugares do estado español no que máis lectores hai de banda deseñada, "pese a non ter industria". Porén si afirmou que si existe un gran potencial de autores galegos neste eido.

Segundo o deseñador, a banda deseñada é unha "ferramenta axeitada" para desenvolver as clases de lingua, plástica, expresión e incluso historia. Neste sentido comentou que os superheroes que coñecemos na actualidade "non terían existido sen a II Guerra Mundial".
1271854112ioalandakiko.jpg
1271854126comickiko.jpg
Descargar todas as imaxes