Escoitar

Santi Domínguez comprobou que se resolveron os problemas da cuberta das Ostras, onde hai novo alumeado

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, realizou este venres unha visita á rúa Pescadería, coñecida como rúa das Ostras, na que puido comprobar que a actuación desenvolvida resolveu os problemas que tiña a cuberta e agora é un espazo acondicionado tanto para o verán como para o inverno. O nacionalista salientou que a remodelación contou cun investimento superior aos 120.000 euros e consistiu na colocación de vidro laminado sobre a estrutura metálica e a instalación de iluminación.

venres, 23 abr 2010
1272026123Ostras.JPG
"A reforma da rúa Pescadería era xa unha vella demanda porque o proxecto inicial non cumpría as necesidades que plantexaban as ostreiras e os ostreiros", apuntou o tenente de alcalde. Porén, destacou que coa reforma levada a cabo, que consistíu en cubrir a estrutura existente e o cambio do alumeado, a zona xa cumpre coas suxestións que as ostreiras presentaran.

Santi Domínguez salientou que a esta actuación se lle sumará o incremento da limpeza do barrio e a continuación cos proxectos de humanización, cos que segundo asegurou "se está completando o noso obxectivo de revitalizar o Casco Vello".

Neste sentido comentou tamén a súa satisfacción por que nas vindeiras semanas abrirán "catro ou cinco negocios" na xa humanizada rúa Teófilo Llorente. O tenente de alcalde afirmou que esta é "unha boa nova" que tamén contribuirá á dinamización do barrio.

"Un día como hoxe podemos ver que o Casco Vello está revitalizado e é xa unha zona na que se pode pasear e visitar", sinalou Santi Domínguez, en referencia ao gran número de turistas que hoxe pola mañá transitaban polas rúas da zona histórica.
Descargar todas as imaxes