martes, 22 feb 2011
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, mantivo este martes unha xuntanza con representantes da Mesa pola Normalización Lingüística, Tras o encontro, o nacionalista manifestou a súa disposición a colaborar con esta entidade "para potenciar a nosa lingua en todos os sectores e que estea máis presente na nosa cidade".
luns, 7 feb 2011
A concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, clausurou este luns as Xornadas sobre Implementación de Plans Locais de Igualdade, que se celebra en Vigo organizado polo Instituto da Muller e a Federación Española de Municipios e Provincias. Na súa intervención, a concelleira nacionalista salientou a traxectoria en igualdade do Concello de Vigo, que no ano 2009 ano aprobou o seu cuarto `plan de igualdade, que contempla 104 medidas concretas para acadar a igualdade real entre homes e mulleres.
mércores, 2 feb 2011
A concelleira de Igualdade e Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, presentou este mércores o obradoiro literario "Nós tamén escritoras", que impartirá o escritor Francisco Castro grazas á colaboración da editorial Galaxia. O obradoiro está dirixido ás mulleres empadroadas en Vigo con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, polo que Iolanda Veloso animou ás rapazas viguesas a participar na iniciativa.
venres, 10 dec 2010
A concelleira de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, presentou este venres as Xornadas de Toponimia "Como se chama ese lugar?", que se celebrarán na Casa Galega da Cultura os días 14 e 15 de decembro. Na presentación, na que tamén participou o vicerreitor de Extensión Cultural, Xosé Henrique Costas, a concelleira nacionalista destacou que este proxecto está organizado conxuntamente polas áreas de normalización lingüística do Concello e da Universidade de Vigo co obxectivo de conservar un legado cultural tan importante como a toponimia.
martes, 23 nov 2010
A concelleira de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, anunciou este martes que os centros comerciais Gran Vía e A Laxe acollerán diversas actividades lúdicas dirixidas a rapaces e rapazas. Na presentación das iniciativas, a concelleira nacionalista destacou que a proposta ten o obxectivo de "contribuír á valorización do galego en espazos pouco habituais e fóra das aulas".
mércores, 10 nov 2010
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presentará mañá nas xornadas "Competencias, representacións e usos da lingua no ámbito xuvenil", organizadas pola Universidade Rovira i Virgili de Tarragona, a experiencia de dinamización da lingua galega a través do programa Duplo R, destinado a mozos e mozas. Segundo destacou a concelleira de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, "Vigo está poñendo en marcha iniciativas novidosas, que tentan amosar que tamén se pode vivir en galego, e que noutros territorios queren poñer como exemplo".
xoves, 4 nov 2010
A concelleira de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, visitou este xoves o colexio O Pombal, un dos 18 centros escolares de Vigo nos que se están impartindo os obradoiros "Ciencia divertida", no marco da celebración hoxe do Día das Ciencias en Galego. Segundo a concelleira nacionalista, esta iniciativa ten o obxectivo de "difundir a ciencia en galego", pero tamén demostrar que a ciencia "pode ser divertida", mellorando a actitude dos escolares cara a esta materia.
xoves, 23 set 2010
No marco dos XII Encontros de Normalización Lingüística organizados polo Consello da Cultura Galega o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presentou hoxe un panel que recolle os programas de dinamización lingüística dirixidos á poboación infantil e xuvenil así como mostra de material que se achega aos participantes nas actividades dinamizadoras.
luns, 23 ago 2010
A concelleira de Normalización Lingüística e Xuventude, Iolanda Veloso, destacou este luns a boa acollida que tiveron as 54 actividades de verán organizadas por este departamento en diferentes espazos da xeografía viguesa. Segundo salientou a concelleira nacionalista, máis de 800 rapaces e rapazas participaron no programa, que ten o obxectivo de ofrecer outras opcións de lecer en distintos puntos tendo sempre en común a lingua galega "como lingua vehicular dos xogos", e mesmo como parte integrante da actividade.
mércores, 14 xul 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, presentaron este mércores o programa de verán que ten o dobre obxectivo fomentar a normalización do galego e ofrecer un amplo abano de actividades de lecer para os nenos e nenas. Os nacionalistas destacaron que en total son máis de 50 propostas que se desenvolverán do 19 de xullo ao 26 de agosto en diferentes espazos ao aire libre da cidade.