Escoitar

Os escolares de Vigo poderán participar desde xaneiro nun concurso sobre a historia de Vigo a través dun videoxogo

Os alumnos do Seis de Nadal probaron hoxe o videoxogo Viaxe as Covas do Folón nunha primeira proba para aportar suxerencias antes de que a principios do ano que ven os alumnos de Vigo poidan participar no concurso. Trátase dunha ferramenta que conxuga novas tecnoloxías e lecer para achegarse á lingua galega e a historia da cidade.

venres, 16 dec 2011
1324041652MANEL1.JPG
O concelleiro de Normalización Ligüística, Manel Fernández, participou hoxe nunha proba do videoxogo Viaxe ás Covas do Folón, unha aventura a través do tempo que quere achegar aos mozos e mozas á historia da cidade de Vigo servíndose da súa toponimia e patrimonio. No día de hoxe, o departamento municipal fixo unha primeira proba cos alumnos do ciclo superior de Primaria do CEIP Seis de Nadal para recoller as súas suxestións, achegas, impresións, antes de que a principios do ano que ven o videoxogo estea preparado para que os alumnos poidan participar no concurso.

O Concello, quen elixiu este centro porque este ano está a traballar na historia de Vigo como proxecto educativo de centro, concibe este concurso como unha ferramenta didáctica para as aulas das e dos escolares para coñecer e descubrir o devir de Vigo dun xeito diferente. Trátase de nove escenarios correspondentes a outras tantas etapas históricas e, para avanzar no tempo, hai que responder preguntas, superar probas ou resolver quebracabezas no menos tempo posible. Os escolares xa tiveron unha participación moi activa neste videoxogo, xa que foron eles quen crearon as personaxes do xogo, mediante outro concurso.

Viaxe as Covas do Folón é, ademais, unha salientable ferramenta de normalización lingüística dirixida a uns mozos e mozas que adoitan ter entre as súas mans xogos como este, que ademais contribúe na normalización do idioma dun xeito acaído para o público destinatario: novas tecnoloxías e lecer.

Actividades do Nadal
O concelleiro de Normalización Lingüística, Manuel Fernández, visitou esta mañá as actividades que organiza este servizo municipal nas datas de Nadal e que están programadas para os días 16,17,18 e 23 de decembro en diferentes puntos da cidade.

Venres 16 Polo correo do vento, no Centro Comercial Gran Vía, ás 18:00 h

Sábado 17 Antón e o apalpador, na Biblioteca Central (Joaquín Yáñez, 6), ás 12:00 h, con interpretación da lingua de signos

Domingo 18 Polo correo do vento, en Detrás do Marco (Londres, s/n), ás 17:00 h, con interpretación da lingua de signos

Venres 23 O quiquiriquí, na Biblioteca Central (Joaquín Yáñez, 6), ás 12:00 h
Descargar todas as imaxes