Escoitar

O luns inícianse as máis de 50 actividades de lecer ao aire libre de Tenencia e Normalización Lingüística

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, presentaron este mércores o programa de verán que ten o dobre obxectivo fomentar a normalización do galego e ofrecer un amplo abano de actividades de lecer para os nenos e nenas. Os nacionalistas destacaron que en total son máis de 50 propostas que se desenvolverán do 19 de xullo ao 26 de agosto en diferentes espazos ao aire libre da cidade.

mércores, 14 xul 2010
1279127424Normalizacion.JPG
Santi Domínguez destacou que o programa, "Verán en Vigo, Xogas? En galego podemos" abarca actividades variadas, como xogos, contacontos e obradoiros para que os nenos e nenas podan aprender e gozar en galego. Explicou que se desenvolverán en diversos espazos, como as praias de Samil ou O Vao, a alameda de Navia, os xardíns de Castrelos e a Riouxa, as prazas da Independencia e a Constitución, Bouzas e O Calvario.

"Dende as áreas que coordina a Tenencia de Alcaldía estamos empeñados na normalización do galego como calquera outra lingua oficial", subliñou o tenente de alcalde. Neste sentido manifestou que o verán é unha "época óptima para seguir potenciando a nosa lingua".

A concelleira de Normalización Lingüística destacou as posibilidades de "aprender a través do xogo", pero lamentou a pouca oferta de lecer en galego que teñen os rapaces e rapazas. Así, comentou a escasez de películas ou xogos en galego que existen. "Aproveitamos a época de verán para ofrecer actividades de lecer en galego, para que a nosa lingua non sexa só algo que aprender na escola", comentou.

Iolanda Veloso salientou que nesta convocatoria se ampliaron os espazos nos que se celebran as actividades, xa que ás praias nas que se organizaban o ano pasado se unen espazos urbanos "de encontro", onde no verán se xunta moita xente. Mencionou algunhas das actividades propostas "para pasar un bo rato", como a Casa do Rato, ou o Camiño da lingua, baseado no xogo da oca.

"Queremos que os pais e nais tamén participen", apuntou. Ao respecto sinalou que "non son espazos onde deixar aos nenos, senón que nós tamén temos que aprender a xogar cos nosos fillos e fillas". Por outra banda, indicou que haberá agasallos para os nenos e nenas participantes, como bolsas de merenda, e tamén para os pais e nais, como parasois ou sombreiros. "Queremos que sexa algo que chegue a toda a familia", afirmou.
Descargar todas as imaxes