Escoitar

O vicerreitor da UNED da a súa aprobación ao edificio ofertado polo Concello

Abel Caballero e Antonio Fernández percorreron esta mañá as instalacións do CITIC, no Casco Vello, propostas para que Vigo poida contar coa aula da Universidade a Distancia. A partir de agora ábrese o proceso formal para a súa consecución que necesitará a aprobación do padroado da UNED. O coste para a súa posta en funcionamento será asumido íntegramente polo concello vigués.

mércores, 14 xul 2010
1279114531uned.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, a concelleira de Educación, a socialista Laura López Atrio e o vicerreitor dos centros asociados da UNED, Antonio Fernández Fernández visitaron na xornada deste mércores as instalacións propostas polo goberno municipal de Vigo para que a cidade poida contar coa aula da Universidade Nacional de Educación a Distancia.

Segundo explicou o rexedor local tras a visita ao edificio ubicado no Casco Vello o vicerreitor deu xa o seu visto e prace a un inmoble que "reúne todos os requisitos" e que "supera o que a UNED esperaba". O inmoble conta con tres plantas, salón de actos, 6 aulas para docencia e unha sala de ordenadores, ademáis de contar con rede de cableado preparada para futuras ampliacións.

A partir de agora, tal e como explicou o alcalde, "ábrese o proceso formal" e os técnicos municipais xunto co arquitecto da UNED realizarán a nova división precisa para a posta en funcionamento dun aula que dará servizo a preto de 3.000 estudiantes. A estrutura de funcionamento será a de tutorías presenciais para os cursos de aceso para maiores de 25 e de 50 anos e o resto serán virtuais e se poderán seguir desde o edificio ofertado.

Aprobación do Padroado
A proposta necesita da aprobación formal do Padroado da Universidade integrado pola sede central da UNED, o Concello de Pontevedra, a Consellería de Educación, a Diputación Provincial e Caixanova. Abel Caballero asegurou que nas vindeiras horas poráse en contacto co alcalde de Pontevedra, co conselleiro e co presidente da Diputación para aínda que avanzou que confía "en que non haia dificultades" para acadar esa aprobación.

O obxectivo marcado, tanto polo Concello como pola UNED é que a aula viguesa poida estar en funcionamento no mes de outono e subliñou que éste é "un obxectivo, non un compormiso porque hai por diante unha tramitación". A posta en marcha da aula, cuio custe será asumido íntegramente polo concello vigués, inclúe tamén a previsión dunha pequena biblioteca e dunha división de divulgación cultural para realizar actividades culturais conxuntas.

Na actualidade unhas 3.000 persoas de Vigo cursan os seus estudios no centro da UNED en Pontevedra e para elo teñen que desprazarse ata Monteporreiro.
Descargar todas as imaxes