Escoitar

Xabier Alonso anima a contemplar o espectáculo dos 52 equipos que participan no Rallye Rías Baixas de Clásicos

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, fixo este mércores un chamamento aos vigueses e viguesas para presenciar o vindeiro 17 de xullo a saída do XII Rallye Rías Baixas de Clásicos, que terá lugar na Praza do Rei ás 10.30 horas. A proba, puntuable para a Clásica Galega 2010, conta xa con 52 equipos inscritos e o vehículo máis antigo é de 1953.

mércores, 14 xul 2010
1279114806rallye.JPG
"Dende a Concellería de Deportes estamos encantados de colaborar con este acontecemento deportivo", manifestou Xabier Alonso. Destacou que o goce "está garantido para todas as persoas que teñan gusto estético". Ademais, apuntou que o inicio da chegada está prevista ás 20.30 horas no parque de Castrelos, "onde estaremos encantados de recibir a todos os participantes", dixo.

O presidente da Escudería Rías Baixas, Fernando Mouriño, salientou a importancia que ten esta proba nunha cidade e comarca que ten unha "vinculación especial co mundo do motor". Afirmou ademais que é necesaria como "escaparate do automobilismo deportivo".

Respecto ás novidades, indicou que ademais da saída dende a Praza do Rei, tamén é novidosa a cronometraxe, que será realizada "vía satélite". No tocante ao percorrido, sinalou que a primeira parada está prevista ás 14.24 en Mondariz, con saída desta localidade ás 16.23 horas. A seguinte parada será en Porriño ás 17.45 horas, tras percorrer 287 kilómetros. A chegada será a partir das 20.30 horas no parque do Castrelos, e a cita deportiva rematará no hotel Coia coa entrega de premios a partir das 22.30 horas.

O xerente do Faro de Vigo, Jaime Abella, destacou que para a empresa á que representa é "un pracer colaborar co Concello de Vigo e coa Tenencia de Alcaldía no desenvolvemento dunha proba tan importante para o deporte". Manifestou os seus parabéns á organización e expresou a súa confianza en que a convocatoria sexa un éxito que impulse a súa celebración no 2011.
Descargar todas as imaxes