Escoitar

Iolanda Veloso salienta a boa acollida das actividades de verán de Normalización, nas que participaron máis de 800 nenos e nenas

A concelleira de Normalización Lingüística e Xuventude, Iolanda Veloso, destacou este luns a boa acollida que tiveron as 54 actividades de verán organizadas por este departamento en diferentes espazos da xeografía viguesa. Segundo salientou a concelleira nacionalista, máis de 800 rapaces e rapazas participaron no programa, que ten o obxectivo de ofrecer outras opcións de lecer en distintos puntos tendo sempre en común a lingua galega "como lingua vehicular dos xogos", e mesmo como parte integrante da actividade.

luns, 23 ago 2010
1282565541balance.JPG
Iolanda Veloso explicou que o éxito acadado polas actividades desenvolvidas o verán pasado, cando se levaron a cabo obradoiros nas praias durante dúas semanas, decidiuse ampliar a programación deste verán. "Levamos as actividades a outros puntos da cidade, engadindo parques e prazas", apuntou a concelleira. Así, nenos e nenas participaron nas propostas que se realizaron en Samil (ao carón do Tombo do Gato e ao carón das piscinas), no Vao e en Bouzas. Os parques e prazas escollidos foron A Riouxa, Navia, a praza da Independencia, a praza da Constitución e fronte ao mercado do Calvario.

Ademais destes espazos tamén houbo actividades todos os xoves nos xardíns do pazo de Castrelos, que se organizaron en colaboración coa Concellería de Patrimonio Histórico. Neste sentido, a concelleira de Normalización Lingüística apuntou que a última actividade neste punto será o vindeiro xoves, 26 de agosto, ás 19:30. No tocante aos horarios, Iolanda Veloso indicou que houbo actividades tanto pola mañá como pola tarde, segundo o espazo da cidade elixido, xa que para programar os obradoiros se tivo en conta as horas de maior afluenza.

A edil do BNG salientou especialmente a boa acollida das actividades realizadas nas praias e na praza da Independencia. Respecto aos datos de participación, sinalou que cada actividade contou cunha media de entre 15 e 20 nenos, acompañados habitualmente por familiares. Neste sentido apuntou que os adultos que tomaron parte nos obradoiros foron arredor de 400, de xeito que foron máis de 1200 as persoas que tomaron parte dos obradoiros propostos.


"Este programa permitiunos comprobar outro aspecto que non nos marcaramos nos obxectivos iniciais", salientou a concelleira nacionalista respecto á procedencia dos nenos e nenas participantes. "Tendo en conta que as actividades se desenvolveron en zonas de lecer, nas actividades participaron rapaces mesmo de fóra de Galiza que estaban na nosa cidade de vacacións e aos que lles resultaba sumamente divertido aprender palabras, frases e xogos en galego", explicou.

Para Iolanda Veloso, esta situación "nos leva a pensar que hai máis prexuízos que dificultades á hora de aprender galego". Finalmente a concelleira de Normalización Lingüística sinalou que os rapaces e rapazas que participaron nas propostas recibiron un agasallo, como neveiras de praia para a merenda, gorros de palla, gorras e libros dos Bolechas, entre outros.
Descargar todas as imaxes