Os gañadores do XIII Concurso de piano "Ría de Vigo" actúan mañá sábado no Conservatorio Superior de Música

venres, 13 mai 2011

Na aposta por ofrecer oportunidades de promoción aos novos talentos, os gañadores e as gañadoras do XIII Concurso de piano "Ría de Vigo" ofrecerán mañá ás 20 horas un concerto no Auditorio Martín Códax do Conservatorio Superior de Música, de entrada libre. Ademais dos premios económicos, a gravación deste concerto nun CD é un dos atractivos deste concurso, que organizan a Concellería de Cultura e o Real Club Náutico.

A compañía Yllana interpreta mañá venres no Auditorio Municipal o seu novo espectáculo "Sensormen", con entradas esgotadas

xoves, 12 mai 2011

O Auditorio Municipal acolle mañá, 13 de maio ás 21 horas, a representación do novo espectáculo da compañía Yllana, "Sensormen", no que conflúen comedia, música, percusión e unha innovadora formulación escénica. Segundo informa a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural, as entradas para asistir a esta actuación están xa esgotadas.

Xesus López anima a acudir ao concerto que a Orquestra 430 e Christophe Coin ofrecen o mércores no Auditorio Municipal

luns, 9 mai 2011

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou hoxe o concerto que protagonizará a Orquestra Vigo 430 o vindeiro mércores ás 20.30 horas no Auditorio Municipal, e que contará coa participación do violonchelista francés Christophe Coin, un dos máis recoñecidos da actualidade. Segundo destacou o nacionalista, este concerto é a "continuación da intensa programación que temos no Auditorio Municipal, que está pensada para todos os públicos".

A biblioteca "Xosé Neira Vilas" rexistrou máis de 5.000 usuarios dende a súa apertura e conta con 600 socios

luns, 9 mai 2011

A biblioteca municipal "Xosé Neira Vilas", posta en marcha pola Tenencia de Acaldía e a Concellería de Cultura hai pouco máis dun mes, rexistrou ata o 30 de abril 5.086 usuarios e acadou as 597 altas como socios e socias. "Estes datos reflicten o acerto de abrir esta primeira biblioteca de proximidade á que queremos dar continuidade no vindeiro mandato con novas instalacións en Navia e Bouzas", destacou o concelleiro de Cultura, Xesus López.

O Auditorio Municipal acolle mañá martes o espectáculo "Opera aperta", con Julián Hernández e Manuel Romón

luns, 9 mai 2011

A programación que a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural organiza no Auditorio Municipal inclúe un novo espectáculo musical que terá lugar mañá, 10 de maio ás 20.30 horas. Trátase da actuación que realizarán Julián Hernández e Manuel Romón baixo o título "Opera Aperta (en parte) Volume II". As entradas para asistir a este espectáculo teñen un prezo de 7 euros e pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da obra.

A música de Lusitania Jazz Machine e do Teatro do Morcego son as propostas do Auditorio Municipal para o fin de semana

venres, 6 mai 2011

O Auditorio Municipal acolle este fin de semana dous novos espectáculos musicais propostos pola Concellería de Cultura e Animación Sociocultural. Mañá, 7 de maio, a banda de jazz Javier Arroyo & El Lusitania Jazz Machine presentará, ás 21 horas, seu segundo disco "Sur mira al sur". O domingo, ás 18 horas, a compañía Teatro do Morcego levará á escena a súa obra musical "Saltimbanquis", destinada a rapaces e rapazas a partir dos 5 anos. Nos dous casos as entradas pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da obra.<br />

O Verbum inaugura o Museo da Radio de Galicia

xoves, 5 mai 2011

O Verbum – Casa das palabras inaugurou o 4 de maio dentro das súas instalacións o museo da Radio de Galicia, unha instalación composta por máis de 300 pezas doadas por emisoras, institucións e particulares, que repasa a historia deste medio de comunicación en Galicia dende o nacemento do medio de comunicación en 1920 ata finais do século XX.

A compañía Teatro do Morcego representa mañá venres no Auditorio Municipal a comedia "A Nona"

xoves, 5 mai 2011

O Auditorio Municipal acollerá mañá, 6 de maio, unha nova actuación do programa que organiza a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural. Trátase da comedia "A Nona", que a compañía Teatro do Morcego representará ás 21 horas, dirixida por Roberto Cossa. O prezo das entradas para asistir a esta actuación é de 7 euros e pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da obra.

Exposición "Galicia nas Ondas"

mércores, 4 mai 2011

O Verbum acolle desde o día 4 de maio a exposición "Galicia nas Ondas. 1933-2011". A mostra amosa dende a introdución do invento da radio en Galicia na década dos anos trinta do pasado século ata a actualidade, e constitúe un Museo da Radio en Galicia con sede estable no Verbum. Os seus contidos foron aportados por diferentes empresas radiofónicas galegas e diversos arquivos públicos e privados da comunidade.