A Casa da Xuventude acolle a mostra de fotografía e pintura "Catro historias" dende hoxe e ata o 19 de xuño

luns, 8 xuñ 2009

No marco da programación da Casa da Xuventude para o primeiro semestre do 2009, este servizo municipal acolle dende hoxe e ata o 19 de xuño a mostra de pintura e fotografía "Catro historias". A exposición, que mostra as obras de catro artistas que remataron os estudos de Belas Artes, pode visitarse nas instalacións de López Mora de luns a venres en horario de 9 a 14 horas e de 17 a 20 horas.

O vindeiro luns ábrese o prazo de inscrición do programa "Verán Xove 2009", que oferta 1.700 prazas

mércores, 27 mai 2009

A concelleira de Xuventude, Iolanda Veloso, anunciou hoxe que o vindeiro luns ábrese o prazo de inscrición para o programa "Verán Xove 2009", que este ano oferta un total de 1.700 prazas para rapaces e rapazas de 4 a 15 anos. A edil subliñou que esta proposta volve a incrementar o número de prazas, debido a que se trata dun programa "moi agardado e demandado por nais e pais porque é unha alternativa de lecer para o verán".

O Punto Xove presentará mañá a reportaxe "Benín 2004", sobre un proxecto educativo neste país africano

mércores, 13 mai 2009

O espazo Proxecta do Punto Xove da Concellería de Xuventude de Vigo acollerá mañá, ás 18.30 horas, a presentación da reportaxe fotográfica "Benín 2004". Un dos coordinadores do proxecto explicará a aplicación dun proxecto de educación para o desenvolvemento neste país africano no marco dunha cooperación da ONG belga Quinoa cunha asociación local de Benín.

A Casa da Xuventude acolle dende o vindeiro luns a mostra fotográfica "Natureza deportiva"

venres, 24 abr 2009

Dende o vindeiro luns, 27 de abril, a Casa da Xuventude acollerá unha nova exposición baixo o título "Natureza deportiva", do fotógrafo Pablo Iglesias. A mostra, enmarcada na rolda de exposicións programada por este servizo municipal para o primeiro semestre do 2009, pode visitarse nas instalacións de López Mora de luns a venres en horario de 9 a 14 horas e de 17 a 20 horas.

A recollida de pistas da actividade "Acerta coa ilustración" iníciase o xoves na Casa da Xuventude

mércores, 15 abr 2009

A Concellería de Xuventude propón unha iniciativa dirixida a mozos e mozas de 15 a 30 anos de idade, que consiste en respostar á pregunta "A que edificio pertence e en que rúa está a ilustración proposta?". As persoas que queiran participar poderán recoller na Casa da Xuventude mañá xoves 16 de abril a primeira pista das catro que se facilitarán para solucionar o reto.

Xuventude convoca "Acerta coa ilustración" para celebrar o Día Internacional da Información Xuvenil

luns, 13 abr 2009

A Concellería de Xuventude propón a actividade "Acerta coa ilustración" co gallo da celebración do Día Internacional da Información Xuvenil, o vindeiro 17 de abril. O obxectivo da iniciativa, dirixida a mozos e mozas de 15 a 30 anos de idade, consiste en dar a coñecer á mocidade as propostas que ofrece a Concellería de Xuventude mediante a resposta á pregunta "A que edificio pertence e, en que rúa está a ilustración proposta?".

A Casa da Xuventude inicia o vindeiro luns unha nova rolda de exposicións de artistas mozos

mércores, 8 abr 2009

Dende o vindeiro luns, 13 de abril, a Casa da Xuventude acollerá unha nova rolda de exposicións protagonizadas por mozos e mozas artistas e que poden visitarse nas instalacións de López Mora de luns a venres en horario de 09 a 14 horas e de 17 a 20 horas. "Tempo imaxinario", das artistas licenciadas en Belas Artes pola Universidade de Vigo Haya Blanco, Carolina Caluori, María Castellanos e Olalla Cortizas, será a primeira que se exporá, do 13 ata o 24 de abril.