Escoitar

A Concellería de Xuventude e a asociación xuvenil Abertal impulsan un proxecto de elaboración de curtametraxes

A Concellería de Xuventude pon en marcha, coa colaboración da asociación xuvenil Abertal, un proxecto de elaboración de curtamentraxes dirixido a mozos e mozas de 16 a 25 anos. O programa comezará mañá, 26 de febreiro, ás 18 horas nas instalacións da asociación, nunha sesión na que se organizará o proceso creativo, e finalizará o 26 de marzo.

xoves, 25 feb 2010
O proxecto quere cumprir diversos obxectivos, entre os que destacan ofertar formación e información á xuventude interesada en aprender sobre a creación audiovisual e ser plataforma de colaboración e intercambio para a realización de pezas audiovisuais. Asemade, co programa quérese apoiar a realización de pezas audiovisuais por parte de mozos e mozas vigueses e promover e dar a coñecer entre a sociedade en xeral e a mocidade en particular, o traballo audiovisual xuvenil.

A formación sobre a realización de curtametraxes e a súa creacións desenvolveranse mediante dous procesos paralelos e complementarios, o proceso creativo e o formativo. No proceso creativo proponse a creación de 8 curtametraxes que xiren en torno a unha idea común. Este proceso está aberto a un grupo de ata 30 mozos e mozas e a estrea está prevista que sexa no mes de outubro de 2010.

O proceso formativo, pola súa banda, ten o obxectivo de ofertar formación aos participantes no proceso creativo e a outros mozos e mozas que poidan estar interesados e implicar como colaboradores a profesionais do eido audiovisual. Deste xeito, celebraranse diferentes sesións, organizadas a modo de curso, impartidas por estes profesionais do audiovisual, que terán lugar nos locais de Abertal, abertas a todas as persoas interesadas entre o 26 de febreiro e o 26 de marzo.

Tras a sesión inicial de organización do proceso creativo de mañá, terá lugar o sábado 27 de febreiro, unha sesión de 18 a 20 horas sobre o guión audiovisual, impartida por Alfonso Castaño. De 20 a 22 horas Ana Fálagan intervirá sobre Story. O venres 5 de marzo, de 18 a 20 horas, Alfonso Castaño falará do guión audiovisual II, e de 20 a 22 horas Elisa Anta Rial explicará o desglose de guión e atrezzo.

O sábado 6 de marzo, de 18 a 22 horas, o son cinematográfico centrará as explicacións de Xoan Escudero. O seguinte sábado, día 13, de 18 a 22 horas, David Hernández falará de fotografía e iluminación. O sábado, 20 de marzo, de 18 a 22 horas a sesión impartida por David Blanco estará dedicada ao traballo de operador de cámara. Finalmente, o venres 26 de marzo, de 18 a 22 horas, Jesús Villegas falará de estética de cine.

O prazo de inscrición segue aberto, e pódese facer a través dos correos electrónicos xuventude@vigo.org e abertal@abertal.org ou directamente na asociación xuvenil Abertal na rúa Venezuela 3 baixo en Vigo, no teléfono 986225662 ou na web www.abertal.org