Escoitar

María Méndez destaca que 680 menores participaron no 2009 no programa de intervención familiar de Benestar Social

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, presentou este xoves a memoria do ano 2009 do programa de intervención familiar, que ten por obxectivo detectar e previr os factores de risco en menores. Destacou que o ano pasado neste programa, que conta cun orzamento de 505.000 euros, participaron 414 familias, cun total de 1.478 persoas das que 680 eran menores.

xoves, 25 feb 2010
1267104295memoriaintervencionfamiliar.jpg
María Méndez explicou que este programa desenvolve diversas liñas de actuación, como as relacións familiares, co obxectivo de establecer normas e conductas, de xeito que no fogar se traballa na adquisición de habilidades, como a hixiene persoal, mentres que no ámbito da saúde o traballo vai encamiñado a adquirir hábitos alimentarios. A concelleira de Benestar Social sinalou que a intermediación familiar tamén busca a integración escolar, cando se producen casos de absentismo, e a integración laboral, se os pais ou nais están sen traballo.

Segundo informou a edil nacionalista, a detección dos factores de risco aos que están expostos os menores son detectados fundamentalmente polos centros escolares ou as propias familias que acoden ás traballadoras sociais da zona e trasladan o caso ao equipo de intervención familiar. En concreto, indicou que o 48% das derivacións é efectuado polas traballadoras sociais, o 26% dende os centros escolares e o 22% dende os servizos de menores da Xunta.

A concelleira de Benestar Social fixo mención expresa ás características das familias participantes no programa. Así, salientou que o 44% das familias 414 que foron atendidas responden ao modelo monoparental, que sinalou que aumentan progresivamente, e delas maioritariamente están compostas por mulleres con fillos ao seu cargo. Indicou tamén que o 48% son familias nucleares, mentres que o 23% son familias inmigrantes, na súa maioría procedentes de Latinoamérica. A este respecto destacou que este traballo que se desenvolve coas familias inmigrantes se enmarma no conxunto de recursos que o Concello de Vigo dedica á inmigración.

Respecto ao poder adquisitivo das familias, María Méndez sinalou que o 43% teñen ingresos por debaixo do salario mínimo interprofesional, mentres que outro porcentaxe elevado non teñen ningún tipo de ingresos. A concelleira apuntou que segundo o equipo de intervención familiar, un dos graves problemas detectados se refire á falta de implicación dos pais e nais na educación dos seus fillos, xa que dificilmente asumen os roles parentais que lles corresponden e non son quen de poñerlle límites aos nenos. Outro dos problemas é a mala comunicación e a falta de atención por falta de tempo. "A clave está no problema da conciliación da vida laboral e familiar", subliñou a concelleira de Benestar Social. Ao seu xuízo, "non se pode traballar dez horas ao día e atender aos fillos", polo que fixo un chamamento a concienciación de toda a sociedade.
Por outra banda, María Méndez explicou que o traballo do equipo, que está integrado por 14 persoas (8 educadoras familiares, 2 traballadoras sociais, 2 psicólogas, unha administrativa e unha coordinadora), se desenvolve en coordinación coas traballadoras sociais e a súa tarefa se complementa coa colaboración con Abertal e o Plan Comunitario de Teis.

Respecto a Abertal indicou que hai asinado un convenio de 12.000 euros mediante o cal a asociación traballa con nenos e nenas facilitando apoio escolar, actividades para o tempo de lecer e relacións familiares. No tocante ao Plan Comunitario de Teis explicou que o convenio, no que tamén participan as concellerías de Igualdade e Xuventude, ascende a 43.000 euros. Esta entidade tamén ofrece apoio educativo e actividades de lecer e deportivas, que segundo teñen comunicado propician unha melloría espectacular nos menores, polo que María Méndez apuntou que o programa será ampliado a outros barrios da cidade.
Descargar todas as imaxes