Escoitar

María Méndez anuncia que esta semana se abre o prazo das axudas para que 160 persoas se beneficien do bono-taxi

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, explicou este mércores que esta semana se abrirá o prazo de solicitude das axudas para optar ao servizo do bono-taxi, tras a súa publicación mañá ou o venres no Boletín Oficial da Provincia. A concelleira salientou que o orzamento da actual convocatoria é de 72.000 euros e 160 beneficiarios poderán cobrar ata un máximo de 450 euros cada un para gastar ao longo do ano.

mércores, 24 feb 2010
1267033691maria.jpg
"O bono-taxi é unha axuda económica de carácter individual que se concede a persoas con discapacidade e dificultades na mobilidade", explicou María Méndez. Destacou que o 2010 é o terceiro ano que se pon en marcha esta medida, despois de que o 2008 fose unha "experiencia piloto" e o 2009 servise para comprobar que había unha "gran demanda" deste servizo.

A concelleria manifestou que é un servizo que "trata de favorecer o desprazamento pola cidade das persoas con discapacidade". A nacionalista sinalou para acceder a esta axuda é preciso estar empadroado en Vigo dende polo menos hai un ano, levar máis de catro anos na cidade, estar afectado ou afectada por dificultades na mobilidade segundo o certificado que acredita a Xunta e non ter automóbil propio. María Méndez sinalou que tamén se terán en conta os recursos económicos das persoas solicitantes á hora de conceder as axudas. No tocante ao prazo de solicitude, que será dun mes a partir da súa publicación no BOP, indicou que é preciso presentar no Concello de Vigo fotocopia do DNI, do certificado de minusvalía, do imposto da renda e do certificado da pensión correspondente.

A edil do BNG explicou que o ano pasado se destinaron 70.000 euros á posta en marcha deste programa. Sinalou que se presentaron 112 solicitudes das que quedaron sen conceder 12 debido a defectos de forma ou non cumprir algún dos requisitos esixidos. Ademais, indicou que o ano pasado se iniciou a modalidade innovadora da tarxeta prepago, de xeito que a persoa titular da tarxeta ten unha conta con 450 euros que vai gastando paulatinamente. Salientou a gran acollida que tivo este sistema, xa que resulta sumamente cómodo para os usuarios e usuarias.

"O bonotaxi contribúe decisivamente a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade", subliñou a edil nacionalista. María Méndez sinalou asemade que dende a Concellería de Benestar Social se agarda que este ano se incemente o número de solicitudes, xa que é un programa que conta con máis difusión entre as persoas con mobilidade reducida.
Descargar todas as imaxes