Escoitar

Tenencia de Alcaldía coordinará un investimento produtivo de 8 millóns de euros do FEIL para desenvolver 14 proxectos

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, deu conta este mércores dos 14 proxectos nos que se investirán os 8.123.523 euros correspondentes do Fondo Estatal de Investimento Local. Entre as iniciativas que se levarán a cabo este ano coordinadas pola Tenencia de Alcaldía, o nacionalista destacou a rehabilitación dos edificios que albergará a futura pinacoteca de Vigo, a construción dun novo complexo deportivo ao aire libre en Barreiro, a continuación do plan de eliminación de barreiras arquitectónicas en dependencias municipais, a remodelación do auditorio de Castrelos e o impulso dunha plataforma tecnolóxica para o pequeno e mediano comercio da cidade.

mércores, 24 feb 2010
1267019963feil2010.jpg
"Nesta nova convocatoria do plan FEIL seguimos apostando polo traballo para a xente, polo que consideramos que os investimentos teñen que ser absolutamente produtivos de cara a mellorar a calidade de vida da cidadanía", afirmou o tenente de alcalde. Ademais, Santi Domínguez salientou que os investimentos previstos deixarán elementos emblemáticos para que, por unha banda a cidade se siga promocionando, e por outra, que deixen retorno económico. En terceiro lugar destacou que os investimentos están destinados a "paliar deficiencias existentes en diversas áreas dende hai tempo".

Santi Domínguez explicou que a de Patrimonio Histórico é a "partida máis importante" cun investimento de 5,7 millóns de euros, Esta área desenvolve 7 proxestos entre os que destaca o investimento de case 3 millóns de euros para o proxecto de rehabilitación dos edificios que albergarán a nova pinacoteca, así como o acondicionamento do interior das salas para a súa apertura. Ao respecto engadíu, en resposta aos medios, que este orzamento completa o investimento do Concello de Vigo para a súa adquisición.

Nas partidas de Patrimonio Histórico tamén figura un investimento de 736.262 euros para o proxecto de renovación das redes de saneamento e conservación do contorno da Colexiata. Outro dos proxectos refírese á renovación do subministro e alumeado e a mellora da eficiencia enerxética da Subida ao Castelo, ao que se destinarán 223.007 euros, así como a renovación do alumeado público de todo o casco histórico da cidade, ao que se destinarán 1.146.000 euros, para continuar co proceso iniciado o ano pasado.

Asemade,unha parte do investimento adicarase ao do barrio histórico de Bouzas. Segundo explicou, Santi Domínguez hai dúas partidas, unha de 205.253 euros para a rehabilitación do contorno do Cruceiro Vello en Bouzas e outra de 283.944 euros para a rehabilitación da praza Diego Santos e a renovación da rede de saneamento. Finalmente, desde Patrimonio Histórico dedicaranse 136.253 euros á creación de áreas etnoarqueolóxicas para a posta en valor do patrimonio das parroquias de Candeán, Zamáns e Saiáns.

Respecto aos proxectos deportivos, Santi Domínguez mencionou que nesta lexislatura "Vigo completaría o seu mapa de infraestruturas". Neste sentido o tenente de alcalde dixo que con cargo ao plan FEIL se desenvolverán ao longo deste ano 4 proxectos. En primeiro lugar mencionou a mellora das instalacións deportivas e o campo de fútbol de Santa Mariña, cun investimento de 353.578 euros. En segundo lugar, salientou o investimento de 203.131 euros para a renovación da climatización e instalación de paneis solares da piscina municipal das Travesas, que ao seu xuízo supón a continuación do traballo iniciado pola Fundación Municipal da Enerxía no impulso das enerxías renovables.

Outro proxecto que se porá en marcha é a creación dunha plataforma informática para a xestión documental dos servizos deportivos municipais, que contará cun investimento de 180.000 euros. Pero o proxecto de máis envargadura dos anunciados polo tenente de alcalde no eido deportivo é a construción dun parque deportivo en Barreiro, ao que se destinarán 1.133.290 euros. Santi Domínguez explicou que en terreos do antigo cuartel se está construindo un complexo de auga "excelente", que será completado con esta nova zona deportiva na que terá cabida a práctica de deportes ao aire libre e populares. "Será un parque aberto e accesible para todos e todas", afirmou.

Na área de Benestar Social, Santi Domínguez dixo que "queremos continuar avanzando no proxecto de eliminación de barreiras arquitectónicas". Indicou que Vigo foi a cidade que máis investiu o ano pasado dos fondos do FEIL en todo o estado para potenciar a accesibilidade co investimento de 1.200.000 euros. Agora se contempla unha partida de 200.000 euros para novos proxectos.

Respecto a Comercio, o tenente de alcalde anunciou que se investirán 115.000 euros na creación dunha plataforma tecnolóxica para que o pequeno e mediano comercio poda desenvolver campañas de fidelización e proseguir o seu reto de modernización. Ao respecto salientou que esta medida é froito da colaboración cos comerciantes da cidade e o obxectivo de dar resposta ás súas necesidades.

Desde a Concellería de Cultura xestionarase unha partida de 256.000 euros para a mellora do Auditorio de Castrelos. O tenente de alcalde explicou que se fará unha actuación en todo o recinto que afectará ao graderío, pero tamén á zona acotada e as instalación do escenario e servizos anexos.

O tenente de alcalde explicou que 13 dos 14 proxectos presentados xa foron aceptados. Só falta o da iluminación do Casco Vello, que foi o último en entregarse. Santi Domínguez agarda que sexa aprobado en breve.
Descargar todas as imaxes