Escoitar

Normalización e Cultura presentan o concerto de balde DuploR, que mañá unirá regueifa e rap na sala Mondo

A concelleira de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, e o edil de Cultura, Xesus López, presentaron este xoves o concerto de balde DuploR, que terá lugar mañá, 26 de febreiro, na sala Mondo ás 19.30 horas. Os nacionalistas salientaron que o obxectivo desta iniciativa é unir dúas liñas como son a tradición galega das regueifas e a expresión cultural urbana que son o rap e o hip hop.

xoves, 25 feb 2010
1267103746duplor.jpg
Iolanda Veloso salientou que o concerto de mañá é un punto de partida na programación deste ano e que pon de manifesto a proximidade de dúas expresións artísticas que están "máis preto do que parece". Lembrou que mostrar o cercanas que están reguifas e rap foi o obxectivo da edición pasada e respecto ao concerto de 2010 salientou que se pretende "avanzar na música propia de Galiza e avanzar na poesía urbana que é o rap".

A concelleira de Normalización Lingüística sinalou que no concerto de mañá participarán diversos artistas que amosarán, en galego, a mestura entre estes dúas manifestacións culturais, como Alberto Conde, un "virtuoso do piano e representante do etnojazz", en palabras do concelleiro de Cultura, a música e escritora Iolanda Zúñiga, Bieito Lobariñas e Luis Caruncho, Beatu's Ille e o Proxecto Trepia, entre outros.

Xesus López destacou que esta iniciativa das concellerías de Normalización Lingüística, Xuventude e Cultura pretende "achegar a tradición á modernidade e buscar a fusión entre o antigo e as formas de expresión máis urbanas". Afirmou que a regueifa é unha das tradicións galegas máis enxebres, mentres que o rap pode considerarse como a "regueifa actualizada". Segundo explicou, as entradas para asistir ao concerto son de balde e se poden recoller en diversos puntos da cidade, como o Concello de Vigo, a Casa da Xuventude, o Punto Xove, as instalacións de Súbete ao Castro, os centros cívicos de Saiáns, Casco Vello, Coruxo e Teis.

Finalmente, o concelleiro de Cultura expresou os seus parabéns ao técnicos municipais e ao coordinador dos museos da cidade, Lois Cea, polo seu traballo na "conservación do noso patrimonio inmaterial".
Descargar todas as imaxes