martes, 6 xul 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, definiu as Festas de Verán 2010 que presentou hoxe xunto ao concelleiro de Cultura, Xesus López, como unha programación de "calidade, variada e diversificada" . O nacionalista asegurou que do 14 de xullo, co concerto de Norah Jones, ao 14 de agosto co peche que porá Mika, "Vigo pode presumir de ter as mellores festas de verán de Galiza". Salientou tamén que pese a redución do orzamento "conseguimos manter o nivel".
luns, 5 xul 2010
O Consello Municipal da Muller expresou na súa última xuntanza o seu apoio ao proxecto para a construción do Centro Social de Atención Continuada de Vigo no barrio de Ribadavia. O texto recolle que este organismo respaldou a proposta da súa presidenta, a concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, por unanimidade de todas as participantes na reunión.
venres, 2 xul 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, inaugurou este venres no museo Verbum a exposición "O galego noutros mundos", que se poderá ver ata o 31 de agosto, en horario de 10 a 21 horas. No acto destacou que a mostra pon de manifesto a "dimensión aberta e internacional da nosa lingua", xa que permite a comunicación con máis de 250 millóns de persoas de todo o mundo
venres, 2 xul 2010
O vindeiro luns, 5 de xullo, comezará unha das novidades do programa Verán Xove 2010, o campamento "Verán de expedición en Vicus". Esta actividade está dirixida a nenos e nenas entre 8 e 12 anos e nela os rapaces e rapazas participantes poderán coñecer a historia de Vigo mediante percorridos polas diferentes zonas históricas da cidade.
xoves, 1 xul 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou este este xoves a nova publicación que recolle fotografías do Arquivo Pacheco, que leva por título "Mulleres". Segundo o nacionalista, a edición desta obra amosa o compromiso pola recuperación e posta en valor deste arquivo como parte dos "tesouros artísticos máis importantes da cidade".
mércores, 30 xuñ 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, a concelleira de Xuventude, Iolanda Veloso, e o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, visitaron este mércores un dos novos campamentos que este ano oferta o programa Verán Xove 2010, no Pazo de Castrelos. Tras compartir unha das actividades cos nenos e nenas participantes, o tenente de alcalde destacou que a nova edición do programa Verán Xove oferta este ano máis de 2.000 prazas, o 10% delas para rapaces e rapazas con necesidades educativas especiais.
luns, 21 xuñ 2010
O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, anunciou este luns a creación do Vigo Film Office como unha figura do Vigo Convention Bureau "para promocionar a cidade como destino de todo tipo de producións", entre os que destacou películas, series televisivas, presentación de produtos ou anuncios publicitarios. Salientou tamén que a recente incorporación de Vigo ao Spain Convention Bureau "abre unha nova etapa" no obxectivo de apostar polo turismo de negocios.
venres, 18 xuñ 2010
O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, recolleu hoxe o apoio unánime da asamblea do Spain Convention Bureau para a incorporación da nosa cidade a este organismo de xestión de turismo congresual, de incentivos e de negocios. Esta incorporación, xa efectiva, permitirá a Vigo entrar nun circuíto internacional e beneficiarse de todas as accións de promoción que se desenvolven a través do Spain Convention Bureau para a captación de novos congresos.
mércores, 16 xuñ 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou este mércores unha proposta de reordenación do contorno da Praza do Berbés que ten como finalidade abrila ao mar. A actuación, que contemplaría 28.000 metros cadrados de superficie, permitiría ampliar a praza nun 75%. Na presentación do proxecto, na que tamén participou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, os nacionalistas defenderon a idoneidade de levar a cabo esta actuación "aproveitando" que a Xunta anunciou a ampliación do túnel de Beiramar.
venres, 11 xuñ 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, salientou este venres a boa acollida que tivo a segunda edición do Concurso de Fotografía do Casco Vello, ao que se presentaron 354 obras por parte de 124 participantes. O nacionalista destacouno no acto de entrega de premios do certame, celebrado no Centro Cívico do Casco Vello.