Escoitar

Santi Domínguez asegura que Vigo pode presumir do 14 de xullo ao 14 de agosto "das mellores festas de Galiza"

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, definiu as Festas de Verán 2010 que presentou hoxe xunto ao concelleiro de Cultura, Xesus López, como unha programación de "calidade, variada e diversificada" . O nacionalista asegurou que do 14 de xullo, co concerto de Norah Jones, ao 14 de agosto co peche que porá Mika, "Vigo pode presumir de ter as mellores festas de verán de Galiza". Salientou tamén que pese a redución do orzamento "conseguimos manter o nivel".

martes, 6 xul 2010
1278422978Festas.JPG
O interese que espertaron os avances da programación que se foron presentando dan "a tranquilidade de que un ano máis acertamos na programación", segundo explicou Santi Domínguez. O tenente de alcade indicou que non son festas para a mocidade, maiores ou nenos, senón que son "para toda a cidade" e teñen no auditorio de Castrelos o escenario central. Lembrou que neste espazo terán lugar en xullo os concertos de Norah Jones o día 14, Patti Smith o 18, Serrat o 22, e xa en agosto estarán Public Enemy no marco da programación de O Marisquiño o día 5, David Bisbal o día 7, Castrelos Circus o día 9 e finalmente Mika o día 14.

O tenente de alcalde afirmou que a programación se completará con outros concertos, como o de Rosendo o sábado 10 de xullo no Karraskal Rock. Tamén explicou que se está tratando de pechar a Motörhead o 3 de agosto e Miguel Bosé o 4 de agosto no pavillón de As Travesas.

"A música centra parte do programa, pero tamén hai outras propostas", comentou. Neste sentido, Santi Domínguez destacou que do 3 ao 8 de agosto haberá unha nova edición de Castrocativo, que inclúe diversas actividades e obradoiros, así como teatro. O programa infantil recolle este ano como novidade o espectáculo de Bob Esponja, protagonista dos debuxos animados de máis éxito na actualidade, que estará na praia de Samil o 4 de agosto de 18.30 a 20 horas e o 5 de agosto de 11.30 a 13 horas e de 18.30 a 20 horas.

Ademais, o tenente de alcalde salientou que durante a Semana Grande, do 2 ao 8 de agosto, a programación será "máis comprimida e máis variada", polo que no Casco Vello haberá animación de rúa. Avanzou que este ano leerá o pregón o actor Luiz Zahera e, se súa axenda o permite, tamén se espera contar coa presenza de Luis Tosar, para facer efectivo o seu nomeamento como embaixador do Casco Vello.

Pola súa banda o concelleiro de Cultura asegurou que "dende o 14 de xullo ao 14 de agosto teremos unha programación intensa". Lembrou que no auditorio de Castrelos tamén actuarán a Coral Casablanca o 30 de xullo e a Coral Polifónica o día 31. Comentou tamén que na derradeira semana de xullo terá lugar o Festiclown, que encherá a cidade de humor e risa e achegará a cidade grandes nomes como os de Pepe Vihuela e Leo Bassi. Indicou que ao rematar o Festiclown, entraremos na Semana Grande, "que porá a cidade en movemento", apuntou.

Da programación da Semana Grande fixo referencia ao Vigo Folk, que do 5 ao 8 de agosto se desenvolverá na Praza de Compostela. Mencionou asemade Vigo Urban, que terá lugar na Praza da Estrela do 3 ao 8 de agosto e no que seis noites servirán para dar cabida a seis tipos de música diferentes. Na Praza de Compostela, do 3 ao 8 de agosot, haberá actuacións de maxia e de humor, con Luis Piedrahita e Carlos Blanco.

En resposta aos medios o tenente de alcalde explicou que este ano se baixou en 400.000 euros o orzamento respecto ao do ano pasado, ao pasar de 1.500.000 a 1.100.000 euros. "Pese a esta redución conseguimos manter o nivel", dixo.
Descargar todas as imaxes