xoves, 8 xullo 2010

Santos Héctor destaca o descenso do paro en Vigo e reclama a implicación de todas as administracións

O concelleiro socialista saudou o a baixada das cifras na nosa cidade e explicou que os datos reflicten que de maio a xuño o descenso foi de 849 desempregados, cunha baixada en todos os sectores excepto en agricultura e gandería. Héctor lembrou as inversións do goberno central e do propio Concello fronte a falla de criterios de reparto de fondos que leva a cabo a Xunta de Galicia.

O goberno local interviu en 300 quilómetros da rede de saneamento da cidade

xoves, 8 xul 2010

Isaura Abelairas destacou hoxe xoves o esforzo municipal por dotar ao municipio dunha boa rede de saneamento que sexa quen de descargar á depuradora do Lagares e de evitar as inundacións nos meses de choivas. Dos 961 quilómetros de rede de sumidoiros que ten a cidade o concello leva 200 quilómetros revisados e outros 100 contan con tuberías novas ou reparadas.

O tenente de alcalde anuncia que Candeán, Saiáns e Zamáns terán cinco roteiros para poñer en valor o seu patrimonio

xoves, 8 xul 2010

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, presentaron este venres o proxecto das áreas etnoarqueolóxicas para as parroquias de Candeán, Saiáns e Zamáns, que se desenvolverá con cargo ao Plan Feil cun orzamento de máis de 130.00 euros. Segundo destacou o tenente de alcalde, o obxectivo principal da actuación consiste en conservar e poñer en valor o contorno paisaxístico e arqueolóxico destes tres ámbitos para vertebralos co resto de atractivos turísticos de Vigo.

Santi Domínguez afirma que Afaga é o modelo especializado polo que teñen que apostar as administracións

xoves, 8 xul 2010

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, visitaron este xoves o centro de día que xestiona a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (Afaga), na que tamén participou o presidente da asociación Juan Carlos Rodríguez. Durante a visita os nacionalistas presentaron un autobús adaptado, con cuxo financiamento colaborou a Tenencia de Alcaldía. Santi Domínguez afirmou que Afaga é o modelo polo que as administracións teñen que apostar, baseado na especialización, e "claro exemplo de que o PP se equivoca cando quere privatizar os servizos sociais".

ESPAÑA NA FINAL

Castrelos quedouse pequeno

xoves, 8 xul 2010

O parque de Castrelos quedou onte pequeno para os case que 4.000 siareiros da selección española que decidiron seguir o partido contra Alemaña desde a pantalla xigante instalada polo Concello. A vindeira cita será o domingo, 11 de xullo, para ver o choque entre España e Holanda. Na imaxe miles de seguidores pendentes da selección española.

Rosendo será a estrela do Karraskal Rock X, que se celebrará o sábado na campo de San Cosme de Zamáns

xoves, 8 xul 2010

Rosendo será o cabeza de cartel do "KARRASKAL ROCK X", que se celebrará o sábado 10 de xullo no campo de fútbol San Cosme, en Zamáns (15 euros). Xunto ao veterano cantante madrileño estarán os grupos Sinkope, Baldosa Amarilla e Zenzar. Hoxe tivo lugar o acto de presentación deste xa veterano festival, no que participaron o concelleiro de Cultura e Animación Sociocultural, Xesús López, e os representantes da organización Santiago Serodio e José Yugueros.

Os xardíns de Castrelos acollen mañá unha gala lírica incluida no programa "Concertos no Pazo"

xoves, 8 xul 2010

O programa "Concertos no Pazo" celebrará mañá o segundo concerto nos xardíns históricos de Castrelos, a partir das nove da noite. Será unha gala lírica, ofrecida por Elisabet Filgueira Gesteira (soprano), Aaron Bernárdez Pérez (tenor), María Concepción Rodríguez Fariña (soprano) e Juan Manuel Varela Louro (piano). O programa contén, na súa maioría, obras de compositores nados no século XIX, que foron en gran parte recoñecidos polas súas obras vocais.

Vide inviste 112.000 euros no programa Siareiros e Xabier Alonso garante que as axudas seguirán

xoves, 8 xul 2010

A Fundación Vigo en Deporte entregou hoxe as axudas do Programa Siareiros, tanto de Elite como de Base, para un total de 35 clubs da cidade, once deles de máxima categoría. Nun acto cos clubs nas instalacións de Begano, un dos patrocinadores privados de VIDE, a fundación que preside o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, desembolsou 112.000 euros polo número de carnés Siareiros Elite e Base que fixeron os equipos e polos adestramentos anuais das entidades deportivas de base.