Os xardíns de Castrelos acollen mañá unha gala lírica incluida no programa "Concertos no Pazo"
O programa "Concertos no Pazo" celebrará mañá o segundo concerto nos xardíns históricos de Castrelos, a partir das nove da noite. Será unha gala lírica, ofrecida por Elisabet Filgueira Gesteira (soprano), Aaron Bernárdez Pérez (tenor), María Concepción Rodríguez Fariña (soprano) e Juan Manuel Varela Louro (piano). O programa contén, na súa maioría, obras de compositores nados no século XIX, que foron en gran parte recoñecidos polas súas obras vocais.
Será a segunda actuación do programa que se desenvolverá durante os meses de xullo, agosto e setembro nos xardíns históricos do Pazo de Castrelos, e que permitirá achegar a música clásica á cidadanía viguesa nun entorno diferente ao habitual. O primeiro concerto, que foi ofrecido pola Orquesta Vigo 430, contou cunha gran afluencia de público.