Escoitar

Santi Domínguez afirma que Afaga é o modelo especializado polo que teñen que apostar as administracións

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, visitaron este xoves o centro de día que xestiona a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (Afaga), na que tamén participou o presidente da asociación Juan Carlos Rodríguez. Durante a visita os nacionalistas presentaron un autobús adaptado, con cuxo financiamento colaborou a Tenencia de Alcaldía. Santi Domínguez afirmou que Afaga é o modelo polo que as administracións teñen que apostar, baseado na especialización, e "claro exemplo de que o PP se equivoca cando quere privatizar os servizos sociais".

xoves, 8 xul 2010
1278593018Afaga.JPG
Santi Domínguez explicou que este centro de día para enfermos de alzheimer, posto en marcha polo anterior goberno da Xunta, leva a cabo un traballo moi importante de axuda a estas persoas e as súas familias mediante a "atención profesionalizada", o asesoramento e o acompañamento. "É o modelo polo que a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Benestar Social sempre apostamos no traballo para a xente".

Para o nacionalista, na atención ás persoas é fundamental a profesionalización e a axeitada especialización, fronte a política que desenvolve o PP na Xunta de Galiza, que trata de "dar a xestión a empresas privadas que pouco coñecen a realidade destas familias", criticou.

O tenente de alcalde dixo que ademais de transmitir o "apoio e comprensión" aos responsables da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer polo traballo que están facendo, a visita tamén tiña o obxectivo de presentar un autobús adaptado para o traslado dos pacientes. "Será un instrumento importante para que os enfermos poidan desprazarse", indicou.

O presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, explicou que este centro de día conta con 40 prazas, aínda que unhas 500 persoas participan en todos os programas que desenvolve que desenvolve Afaga.
Descargar todas as imaxes