Escoitar

Tenencia e Benestar destinan 109.000 euros ao Secretariado Xitano para potenciar a igualdade de oportunidades

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, presentaron este mércores a renovación do convenio de colaboración co Secretariado Xitano, que este ano ascende a 110.000 euros. Os nacionalistas destacaron que esta iniciativa significa a "aposta clara pola igualdade de oportunidades para todos e todas na nosa cidade", e que permitirá desenvolver actuacións para erradicar o chabolismo e nos eidos da educación, a sanidade e a participación cidadá.

mércores, 7 xul 2010
1278515720ConvenioSecretariadoXitano.JPG
anti Domínguez asegurou que dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Benestar Social "propuxémonos dende o primeiro momento do goberno o reto de mellorar a calidade de vida da cidadanía". Nesta liña explicou que a atención aos colectivos más desfavorecidos e en risco de exclusión social, entre os que se atopa as persoas que pertencen á comunidade xitana e cigana.

O tenente de alcalde indicou que o convenio posibilitará a "intervención específica" con 50 unidades familiares, mediante o desenvolvemento de plans de inclusión social e inserción laboral co obxectivo de acadar unha sociedade multicultural. Afirmou que o traballo nos eidos educativo, sanitario, xuvenil, de emprego e de muller teñen por obxectivo "mellorar a calidade de vida das persoas que integran a comunidade xitana e cigana"

"Cando chegamos ao goberno este convenio xa existía, pero en lugar de desfacer o que fixeron outros, decidimos potencialo", afirmou a concelleira de Benestar Social. Para María Méndez, precisamente o traballo desenvolvido durante anos coa comunidade xitana e cigana ten como consecuencia que na actualidade o colectivo xitano "non sexa un problema na cidade como acontece noutras cidades".

Destacou que o convenio permite tamén ofrecer servizos de información, formación, orientación e asesoramento ás familias xitanas e ciganas, así como realizar un esforzo específico para mellorar a calidade das relacións familiares e dos menores en particular. Ao respecto sinalou que o 50% das persoas que integran este colectivos son menores, polo que o traballo no eido educativo adquire gran relevancia.

Nas actuacións desenvolvidas no 2009, María Méndez salientou que 32 nenos e nenas participaron en actividades de compensación educativa e respecto á formación de adultos, logrouse que nun 96% das familias polo menos un integrante participara nunha actividade de formación.

No tocante ao eido da saúde, sinalou que o ano pasado traballouse na prevención da obesidade mórbida, así como na adquisición de hábitos saudables mediante obradoiros nos que fundamentalmente participaron mulleres. Tamén apuntou que se desenvolveron actividades de prevención do alcoholismo e drogodependencias.

A concelleira de Benestar Social destacou que a erradicación do chabolismo é un dos obxectivos fundamentais, xa que das familias xitanas, 12 de 193 son chabolistas, mentres que das ciganas son 35 de 46. Así, no 2009, dúas familias ciganas anotáronse na bolsa de alugueiro e no rexistro de demandantes de vivenda da Xunta, mentres que dúas familias xitanas foron beneficiarias da concesión dunha vivenda de protección pública en Navia. Ademais, fíxose o seguimento de de sete familias realoxadas, catro polo plan de erradicación do chabolismo e tres pola bolsa de alugueiro.

Respecto aos datos globais da poboación xitana, de 2009, indico que ascende a 918 persoas, 763 de etnia xitana e 155 da minoría cigana. Respecto á súa distribución por familias, indicou que en Vigo hai 245, 193 xitanas e 46 ciganas, das que un alto porcentaxe están en situación de precariedade social.

O representante do Secretariado Xitano, Santiago Avión, alertou de que a comunidade xitana é unha nas que máis incide a actual crise económica e a máis castigada polos procesos de exclusión social. Fixo referencia a un informe do Banco Mundial sobre o custo da exclusión social no que se asegura que non intervir para solventar esta situación ten un custo superior que non facelo. "O que hai que garantir é que a intervención sexa de calidade", afirmou. Ao respecto asegurou que a colaboración entre o Secretariado Xitano e o Concello de Vigo é un "bo marco de actuación".
Descargar todas as imaxes