Escoitar

O tenente de alcalde anuncia que Vigo acollerá o Red Bull Autos Locos o 19 de setembro con 80 participantes

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou este mércores o Red Bull Autos Locos, que se disputará polo centro de Vigo o vindeiro 19 de setembro. Serán seleccionados un total de 80 participantes entre as máis de 500 solicitudes xa presentadas ata o momento. O nacionalista salientou que a fama de que Vigo "sabe organizar" pesou á hora de elixila como cidade na que terá lugar o evento, que será a segunda vez que se celebre no Estado español.

mércores, 7 xul 2010
1278515877AutosLocos.JPG
Traer grandes eventos é moi importante para promocionar a cidade, pero tamén polo retorno económico", afirmou o nacionalista. Santi Domínguez asegurou que en tempo de crise as administracións teñen que impulsar grandes eventos, como o Red Bull Autos Locos, xa que os vigueses e viguesas "merecen ver un espectáculo como este nas rúas da súa cidade e non só na tele".

O tenente de alcalde explicou que con este evento Vigo sitúase ao nivel de cidades como Barcelona, San Francisco, Montecarlo, Viena ou Atenas onde nos últimos anos se ten celebrado. Salientou tamén que ademáis do aspecto competitivo, esta proba ten tamén como compoñente o humor, xa que a creatividade e o enxeño dos participantes son fundamentais para deseñar os vehículos.

Red Bull Autos Locos consiste nunha carreira de "aparatos de fabricación caseira, polos propios participantes", que non poden ter motor, segundo explicou o director de márketing de Red Bull, Fernando Pastor. Destacou tamén que non só vence quen ten mellor tempo, senón tamén a maior creatividade, "polo que o evento está cargado de humor e espectáculo", asegurou.

Fernando Pastor destacou que se trata dunha carreira "que garante a asistencia de público", e cifrou en 30.000 as persoas que se poden acheguen ao percorrido. Ao respecto destacou que o evento ten presenza en case 150 países, polo que as imaxes do evento que se celebrará en Vigo terán "moita repercusión". Ademais, apuntou que se pode acceder á información na web www.redbullautoslocos.com.

O percorrido terá 700 metros de lonxitude, unha "pendente atractiva", dixo o representante de Red Bull, e contar con "todas as medidas de seguridade necesarias, ao estar perfectamente balizado e protexido". A preguntas dos medios indicou que o circuíto aínda non está pechado pero que si pode avanzar que vai ser no centro urbano de Vigo. As rúas Gran Vía e Urzáiz foron os viais que apuntou como posibles para acoller o trazado.

Descargar todas as imaxes