Escoitar

Rosendo será a estrela do Karraskal Rock X, que se celebrará o sábado na campo de San Cosme de Zamáns

Rosendo será o cabeza de cartel do "KARRASKAL ROCK X", que se celebrará o sábado 10 de xullo no campo de fútbol San Cosme, en Zamáns (15 euros). Xunto ao veterano cantante madrileño estarán os grupos Sinkope, Baldosa Amarilla e Zenzar. Hoxe tivo lugar o acto de presentación deste xa veterano festival, no que participaron o concelleiro de Cultura e Animación Sociocultural, Xesús López, e os representantes da organización Santiago Serodio e José Yugueros.

xoves, 8 xul 2010
1278592967Karraskal.JPG
O concelleiro explicou que ademais do programa de Festas de Verán que se desenvolve fundamentalmente na cidade, Vigo ten a sorte de contar con parroquias e barrios moi activos e con inquedanzas culturais, que a súa vez organizan outro tipo de actividades. E precisamente este é o caso do Karraskal Rock, que celebrou a súa primeira edición no ano 2000. "É unha iniciativa que naceu grazas ao traballo desinteresado dun grupo de xente da parroquia, que logrou traer nestes anos a grupos tan coñecidos como Los Suaves, Barón Rojo, e agora Rosendo", manifestou Xesús López, quen agradeceu o traballo dos organizadores e animounos a seguir nesta mesma liña.

Pola súa banda, José Yugueros comezou a súa intervención agradecendo o apoio de Tenencia de Alcaldía, da Concellería de Cultura e Animación Sociocultural e da Comunidade de Montes de Zamáns para celebrar este evento. Yugueros destacou que Karraskal naceu hai dez anos como "unha iniciativa para ofrecer unha posibilidade de dar a coñecer a grupos emerxentes de aquí e despois, pouco a pouco, conseguimos a xente de cartel, como este ano co caso de Rosendo".

Ademais, Santiago Serodio destacou que "este festival tamén serviu como promoción para a propia parroquia de Zamáns, que é unha das grandes esquecidas da cidade de Vigo".

A apertura de portas está prevista para as 19:30 horas, no Campo de Fútbol San Cosme, e a organización ten previsto un servizo de autobuses gratuítos dende a Praza de América ás 19:00 horas. O aforo do campo de fútbol é de tres mil persoas e a organización confía en ter máis de 2.000 persoas no recinto.

Rosendo será o encargado de pechar o festival, mentres que o grupo de O Porriño Baldosa Amarilla, que está comezando, será o primeiro en saír ao escenario. A continuación actuará o grupo coruñés Zenza, xa cunha grande experiencia nas súas costas, e posteriormente tocará os extremeños Sinkope.
Descargar todas as imaxes