O MARCO inaugura a de Santiago Sierra

xoves, 30 abr 2009

Tras máis de seis anos realizando exclusivamente exposicións colectivas, neste 2009 o MARCO inicia unha nova liña de exposicións individuais, ben de carácter retrospectivo, ou a través de proxectos específicos, como é o caso da proposta de Santiago Sierra, que ocupará todos os espazos da planta baixa. A exposición poderase ver do 1 de maio ao 27 de setembro.

Día Internacional da Danza no Verbum

martes, 28 abr 2009

Para conmemorar o Día Internacional da Danza, o mércores 29 de abril, o museo Verbum ten preparado unha actividade especial de danza e teatro a cargo da compañía Experimenta Danza co seu espectáculo "Festival Espazos que Danzan". A representación comezará ás 20.00 horas con entrada gratuíta.

Programación do Marco para os meses de maio a agosto

luns, 27 abr 2009

O MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, ven de presentar a programación que levará a cabo entre os meses de maio e agosto: exposicións temporais, concertos e festivais, residencias de artistas, programación didáctica, Festa do Día Internacional do Museo, obradoiros infantís de verán, programación da Biblioteca-Centro de documentación, e actividades da Agrupación de Amigos, entre outros eventos.

Música e danza esta fin de semana no Museo do Mar

venres, 24 abr 2009

O Museo do Mar de Galicia presentará o sábado 25 de abril, ás 20.30 horas, a actuación do pianista Nicasio Gradaille, que dá inicio ao programa de actuacións Espazos Sonoros. O museo comeza así, por segundo ano consecutivo, un novo ciclo de concertos que durará ata finais de xuño, e no que acollerá diferentes músicos e formacións como a Austrian Baroque Company, o ISGA Collective, a Ensemble Galante ou o solista Rolf Lislevand.

Programación especial no Verbum con motivo do sexto aniversario

xoves, 23 abr 2009

O Verbum celebra o seu sexto aniversario cunha programación especial pensada para achegar os contidos do museo á cidadanía. Ata o 30 de abril haberá xornadas de portas abertas. Os días 24,25 e 26 ofrecense visitas teatralizadas para coñecer polo miúdo todos os segredos do museo. As celebracións chegarán ao seu punto máis animado da man de Xoan Curiel que levará ao museo ritmos de bossa mesturados coa tradición galega.

"Vigo a escena" leva o teatro o venres e o domingo a Teis, Fragoso e Zamáns e cancela a obra do sábado

xoves, 23 abr 2009

A programación de "Vigo a escena" para o primeiro semestre do 2009 posta en marcha pola Concellería de Cultura achegará mañá o teatro ao Centro Cívico de Teis coa compañía A Loca-motora, mentres que o domingo haberá dúas representacións, unha no Val do Fragoso a cargo de Teatro Avento e outra en Zamáns con Máscara Producións. Asemade, cancélase a actuación de Teatro Avento prevista para o sábado, 25 de abril, no Conservatorio de Música (Rúa Eugenio Kraft).

O xoves 23 de abril, Día Internacional do Libro

O MARCO participa nunha actividade de BOOKCROSSING xunto con 25 museos e centros de arte contemporánea de toda España <br />

mércores, 22 abr 2009

O xoves 23 de abril, Día Internacional do Libro, un total de 26 museos e centros de arte contemporánea de España compartirán unha experiencia de bookcrossing ou campaña de liberación de libros, na que "inundarán" as cidades con libros de arte procedentes da bolsa de duplicados das súas respectivas bibliotecas.

A nova edición do "Vigo a escena" comeza esta fin de semana en Cabral, Bouzas, Navia e Matamá

xoves, 16 abr 2009

A programación de "Vigo a escena" para o primeiro semestre do 2009 posta en marcha pola Concellería de Cultura comezará esta fin de semana con representacións nas parroquias de Cabral, Bouzas, Navia e Matamá. O sábado, 18 de abril terán lugar dúas actuacións, unha na AVVCD Santa Mariña de Cabral, a cargo de Artello Teatro, e outra no auditorio do ESAD coa compañía Fulano, Mengano e Citano. Xa o domingo, Títeres en Acción actuará na AVV Emilio Crespo de San Paio de Navia e Artello Teatro o fará na SCD Atlántida de Matamá.