Exposición de Loreto Martínez Troncoso no MARCO

venres, 28 xan 2011

Coa exposición de Loreto Martínez Troncoso, o MARCO inaugura o ciclo titulado ‘ENTRAR NA OBRA’, que se desenvolverá nas salas do primeiro andar, e cuxo nome está tomado da célebre peza de Giovanni Anselmo Entrare nell’opera (1971). A exposición, comisariada por Agar Ledo Arias e Iñaki Martínez Antelo,poderá verse do 28 de xaneiro ao 27 de marzo.

Xesus López presenta o programa do Verbum ata marzo e anuncia a entrada gratuíta para os empadroados en Vigo

luns, 24 xan 2011

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este luns a programación do museo Verbum para o primeiro trimestre de 2011 e anunciou que as persoas que acrediten estar empadroadas en Vigo así como os escolares de colexios da cidade que realicen visitas en grupo poderán acceder gratuitamente. O concelleiro nacionalista, ademais, fixo balance das visitas que recibiu o museo e salientou que no ano 2010 produciuse un incremento do 14,7% respecto ao 2009.

"Valle-Inclán, palabra e imaxe", exposición no VERBUM

venres, 21 xan 2011

O museo Verbum-Casa das Palabras acolle do 21 de xaneiro ao 27 de febreiro a mostra "Valle-Inclán, Palabra e Imaxe". Esta exposición é unha iniciativa pioneira e a presentación mundial da obra en galego de Valle-Inclán, o poema "Cantiga de Vellas". Na inauguración está prevista a asistencia dos comisarios da exposición, José Telmo Grande Pérez e Paula Mariño Pazó (Ateneo de Bouzas)e o Director do museo, Rosendo Gonzalo Covelo Roma. A continuación da inauguración, haberá un recital a cargo de Teo Cardalda e María Monsonís que estrearán tres poemas de Valle-Inclán musicados polo compositor vigués e que forman parte do seu proxecto para o 2011: "Claves Líricas", un disco libro sobre o autor.

O Museo do Mar busca seguir medrando en 2001 con novas mostras e actividades

xoves, 20 xan 2011

O Museo do Mar de Galicia afronta este ano 2011 co obxectivo de consolidarse entre a poboación galega. Para acadar este fin deseñouse un plan de actividades e exposicións que virán a incrementar e potenciar as xa existentes. Deste xeito está prevista a incorporación de novas pezas, así coma o desenvolvemento dun plan que, baixo a denominación de A peza da quincena, se proporá dar a coñecer os bens exhibidos con explicacións dos mesmos durante as fins de semana a partir do vindeiro mes de febreiro.En canto ás exposicións temporais, o Museo centrarase este ano na Costa da Morte, abordando dous proxectos que gardan relación coa zona. Ademais, colaborará co Arquivo Pacheco co fin de valorizar a obra fotográfica do mesmo que garde relación coa temática mariña, e convocará por terceiro ano a bolsa de creación fotográfica O Mar.

O festival Sinsal 2011 inaugúrase o vindeiro sábado coa presentación do último disco da arpista Johanna Newson

mércores, 19 xan 2011

A nova edición do festival Sinsal comezará o vindeiro sábado 22 de xaneiro co concerto que ofrecerá a arpista e pianista Johanna Newson no teatro do Centro Cultural de Novacaixagalicia ás 21 horas. Segundo informa a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural, as entradas oscilan entre os 18 e os 28 euros e pódense mercar a través da web www.servinova.com

A Orquestra Vigo 430 actúa o mércores no Auditorio Municipal cun programa que inclúe obras de Mozart e Schubert

luns, 17 xan 2011

O programa estable de artes escénicas que organiza a Concellería de Cultura no Auditorio Municipal continúa coa actuación que ofrecerá a Orquestra Vigo 430 o vindeiro mércores, 19 de xaneiro ás 20.30 horas. O concerto terá a Alejandro Garrido como director e nesta ocasión contará con Rosa Campos ao clarinete di bassetto. De Wolfgang Amadeus Mozart, o repertorio inclúe a Obertura da Ópera "Bastien und Bastienne" e o concerto para Clarinete e orquestra en La maior, KV 622; ademais, de Franz Schubert, a orquestra interpretará a Sinfonía Nº5 en Si bemol maior, D 485.

Santi Domínguez adianta que 31 carrozas e animacións darán forma este ano a unha Cabalgata "espectacular"

martes, 4 xan 2011

O tenente de alcalde. Santi Domínguez, e o concelleiro de Cultura, Xesus López, quixeron comprobar hoxe os últimos preparativos da Cabalgata de Reis que percorrerá mañá, a partir das 18:30 horas, as rúas do centro da cidade. Os nacionalistas puideron ver os últimos detalles da elaboración das carrozas que levarán a Melchor, Gaspar e Baltasar, que como o resto da comitiva, terán como temática os contos infantís e os debuxos animados.

Xesus López presenta a axenda de 2011 do Arquivo Pacheco, que conta xa con 70.000 imaxes dixitalizadas

xoves, 30 dec 2010

O concelleiro de Cultura, Xesus López, e o director do Arquivo Pacheco, Vítor Vaqueiro, presentaron este xoves a nova axenda deste arquivo para 2011, integrada por imaxes relacionadas co mar. O traballo desenvolvido polo equipo do Arquivo Pacheco permitiu, nestes últimos tres anos, que o número de fotografías dixitalizadas sexa de 70.000 e de 60.000 as completamente ordenadas.