venres, 29 out 2010
O tenente de alcalde e presidente do comité executivo da Fundación Vigo Convention Bureau, Santi Domínguez, recolleu este venres o premio outorgado por Expogalaecia polo traballo desenvolvido pola Concellería de Turismo para impulsar a promoción do turismo en Vigo e a creación do Convention Bureau. O acto tivo lugar tras a inauguración da XIII edición de Expogalaecia, Salón Internacional de Turismo, Gastronomía e Artesanía, que xunto a Vigoferia se poderá visitar ata o 1 de novembro de 11 a 21 horas no IFEVI.
xoves, 21 out 2010
Vigo presentou hoxe a súa oferta turística en Porto apostando pola ría e o turismo urbano como grandes eixos da súa campaña de promoción "Vigo, velo para querelo". O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, salientou na súa intervención que a nosa cidade é un destino que ofrece recursos para resultar atraínte ao visitante en calquera época do ano, reforzando así a idea da desestacionalización do turismo e a súa internacionalización como destino.
martes, 28 set 2010
O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, manifestou este martes que coa creación do Vigo Convention Bureau a cidade está a seguir os pasos iniciados hai 17 anos por Barcelona no obxectivo de potenciar o turismo. O nacionalista asegurouno nunha comparecencia conxunta co director xeral do Consorcio de Turismo de Barcelona, Pere Durán.
xoves, 23 set 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, convidará ao astronauta Soichi Noguchi, que fotografou Vigo desde a Estación Especial Internacional a coñecer a cidade. O responsable de Turismo salientou a importante promoción da cidade que o xaponés fixo coa súa iniciativa de difundir, o pasado mes de marzo, a través da rede unha imaxe da nosa cidade desde o espazo e quere agora ofrecerlle a oportunidade de coñecela. "Se lle gustou desde o espazo, máis lle gustará desde a terra", asegurou.
martes, 21 set 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou hoxe aos socios do Vigo Convention Bureau (VCB) que a fundación ten xa pechados a celebración de dous novos congresos que se celebrarán no mes de marzo e están moi avanzadas as negociacións para conseguir outro que se celebraría no mes de outubro. Estes tres eventos súmanse aos tres xa anunciados e a xuízo do tenente de alcalde poñen de manifesto o bo traballo que se está a desenvolver desde este organismo a prol da desestacionalización do turismo.
venres, 17 set 2010
O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, presentou hoxe ao concelleiro de Turismo da Cámara Municipal de Porto, Vladimiro Feliz, o evento Vigo Cool Night, que se desenvolverá na nosa cidade a fin de semana do 20 ao 24 de outubro. O encontro permitiu tamén, según explicou Santi Domínguez, sentar as bases para a sinatura dun protocolo de promoción turística entre as dúas cidades e avanzar na organización dunha acción de difusión da oferta de Vigo en Porto en outubro.
martes, 3 ago 2010
O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, anunciou este martes a incorporación de todos os establecementos hoteleiros da cidade á Fundación Vigo Convention Bureau, así como de dez novas empresas. "Deste xeito a Fundación acada a cifra de 55 empresas colaboradoras, cando o noso obxectivo inicial era de 75 en 3 anos", destacou o nacionalista. Anunciou tamén a celebración dun novo congreso na cidade no mes de outubro.
luns, 7 xuñ 2010
O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, anunciou este luns que Vigo será sede o ano que vén do congreso internacional de touroperadores MITM Euromed. O nacionalista explicou que este é un paso máis do Vigo Convention Bureau no seu obxectivo de desestacionalizar o turismo na cidade. O congreso reunirá a 250 touroperadores e prensa internacional especializada do 26 ao 29 de abril e terá un retorno económico aproximado de medio millón de euros.
mércores, 2 xuñ 2010
O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, presentou este mércores a nova campaña de turismo para este verán, que ten os obxectivos de facer que os visitantes que se achegan a Vigo teñan toda a información que precisen e que o servizo de turismo estea baseado na eficiencia e na calidade. O nacionalita salientou algunha das novidades da campaña, entre as que destacan o reforzo da páxina web, www.turismodevigo.org, como elemento de información aos visitantes e o programa "Vigo á carta".
venres, 7 mai 2010
O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, anunciou este venres que o primeiro congreso internacional que organizará o Vigo Convention Bureau reunirá a máis de 3.000 persoas, que farán un gasto medio diario de 200 euros. Trátase do XII Congreso Internacional de Medicina Xeral e de Familia e da XVIII edición do Congreso Nacional de Medicina Xeral e de Familia, que se celebrarán no IFEVI do 18 ao 21 de maio de 2011.