Escoitar

O comité científico valida positivamente a argumentación da candidatura das Illas Cíes

O comité de expertos, que aglutina a científicos de dez especialidades, reuniuse esta mañá no Edificio Municipal do Areal, para abordar a redacción do documento final da candidatura a patrimonio da Humanidade da UNESCO, que está moi avanzado.

mércores, 13 dec 2017
1513185622cies.JPG
O terceiro encontro do Comité Científico da candidatura "Illas Cíes, Patrimonio da Humanidade" celebrado este mércores no Edificio Municipal do Areal, rematou cunha valoración moi positiva do documento final da candidatura que se atopa moi avanzado nestes momentos.

Logo de máis de tres meses de traballo, os científicos presentes, representantes de máis de dez disciplinas, abordaron conxuntamente a mellora dalgúns dos aspectos recollidos no argumentario dos criterios que xustifican o Valor Universal Excepcional das Illas Cíes para seren declaradas Patrimonio Mundial da UNESCO e decidiron incorporar algúns outros criterios que non figuran no documento actual.

Así, quedaron validados os argumentos propostos, considerando axeitada a orientación e o enfoque xeral da candidatura que recibiu unha valoración positiva por parte do Comité Científico nun encontro que se desenvolveu nun ambiente participativo e con achegas valiosas por parte de todos os asistentes, que se incorporarán á redacción do documento final.

Baixo a coordinación de Emilio Fernández, os expertos que se relacionan deseguido levan tres meses preparando os argumentos científicos que apoian a candidatura das Illas Cíes: María Calviño, Adolfo Cordero-Rivera, Juan Bellas, Ángel Gonzalez, Gonzalo Méndez, Luis Navarro, Miquel Planas, Ricardo Prego, Jesús Troncoso, Irene Alejo, Alberto Velando, Rodolfo Barreiro, Sebastián Villasante, Gloria Álvarez, Carlota Barañano, María Victoria Besada, Fran Sobirdo, Fran Ramil e José María Sánchez.
Descargar todas as imaxes