Escoitar

O alcalde urxe a Feijóo a iniciar o transvase de emerxencia e a solución definitiva para o abastecemento de auga da cidade

Abel Caballero informou da situación de "normalidade" na presa de Eiras que se atopa hoxe ao 78,7% da súa capacidade e avanzou o contido da carta remitida ao presidente da Xunta instándoo a asumir as responsabilidades e competencias da Xunta na solución de emerxencia e na definitiva no servizo da auga en Vigo.

mércores, 13 dec 2017
O embalse de Eiras rexistra este mércores un nivel de auga embalsada do 78,7%, lixeiramente por enriba do máximo permitido nesta época que se sitúa no 77,7%. Isto significa que está ao 100% da súa capacidade a día de hoxe, segundo expuxo o alcalde, que apuntou tamén que o caudal ecolóxico solta, nestes momentos, 1.400 litros por segundo, a cantidade equivalente a un día de consumo.

A situación en Eiras é de "absoluta normalidade" e a potabilidade da auga é do 100%, "tal e como foi ao longo de todo o ano 2017 en Vigo", recalcou Caballero, que deu por restablecida a normalidade en canto ao nivel de auga xa que a "potabilidade sempre estivo garantida; non deixou de selo nin un só minuto".

O alcalde anunciou que hoxe mesmo enviará unha carta ao presidente da Xunta urxíndoo, primeiro, a levar adiante o transvase de emerxencia "que é imprescindible" e que servirá para o abastecemento de Vigo e nove concellos máis. Unha obra na que o Concello cubrirá calquera ausencia da Xunta de Galicia no financiamento, apuntou. En segundo lugar, na misiva inclúese a petición de "iniciar inmediatamente o estudio das solucións definitivas. Hoxe por hoxe, hai tres enriba da mesa e haberá unha cuarta máis, que non vou adiantar"m dixo, pero "temos que estudar de forma inmediata para poñernos a decidir e facer a solución definitiva que para min é que Vigo teña auga asegurada ata o ano 2050". Para Caballero esta é a solución que precisa este territorio de 460.000 habitantes e de máis de 600.000 equivalentes.

Así, avanzou que propoñerá que se celebre unha reunión entre os responsables municipais e os de Augas de Galicia para tomar a decisión do abastecemento de emerxencia e definitivo da cidade de Vigo.

En rolda de prensa, o rexedor vigués instou ao presidente da Xunta a que asuma a súa "parte de responsabilidade, que é inmensa, e de competencia, que é case total, nas situacións de supramunicipalidade" porque "non imos quedar quietos, non toleraremos que isto se repita" e criticou que Feijóo intentase "danar gravemente a imaxe de Vigo" coas súas acusacións de ocultación de información oficial e de irresponsabilidade do Concello coa auga.