Escoitar

Concello e hostalaría coinciden na crítica á Xunta polo dano que a crise das Cíes causou á cidade

O alcalde de Vigo avanzoulle esta mañá ao sector hostaleiro a súa vontade de retomar a promoción das Illas Cíes pera volver contarlle a toda España que "Vigo é unha cidade extraordinaria que trata ben aos turistas". Así llo dixo durante un encontro no que coincidiron en criticar á Xunta pola súa xestión na crise das viaxes ao arquipiélago e as nefastas consecuencias para a imaxe de Vigo.

xoves, 24 ago 2017
1503578215hosteleros.JPG
O alcalde trasladou esta mañá aos representantes de colectivos hostaleiros, hoteleiros e comerciantes da cidade a súa preocupación pola "inmenso" dano que lle fixo á imaxe desta cidade a "caótica e desastrosa" xestión da Xunta na crise das Illas Cíes. Durante un encontro na Alcaldía, Caballero constatou que os voceiros dos distintos colectivos coincidían ao afirmar que durante estes días millóns de persoas recibiron unha imaxe "deplorable" da cidade que non se axusta á realidade. Transporte caótico, viaxeiros apelotonados en barcos, reclamando nas distintas estacións marítimas, enfadados.... non se corresponde á imaxe real da cidade, que si se viu, en cambio, noutros grandes acontecementos organizados desde a cidade como O Marisquiño, o certame gastronómico Seafest, ou os multitudinarios concertos de cada verán.

En declaracións os medios, o alcalde reiterou a súa repulsa á unha acción da Xunta que danou moi "severamente" a esta cidade, así como á imaxe medioambiental do Parque Natural. A Xunta, lembrou, é a que ten que velar polo control de afluencia, un cupo que se ven superando nos últimos anos, tal e como sabe o goberno autonómico. Na súa opinión, unha vez coñecida a sobrevenda, a Xunta tería que ter intervido as plataformas informáticas das navieiras, sobre as que Caballero tampouco escatimou críticas polo seu proceder coa venda de billetes. Caballero apuntou que a Xunta debera ter implementado hai dez anos un sistema de control similar aos dos campos de fútbol ou espectáculos nos que os billetes son infalsificables.

En todo caso, o alcalde avanzoulles aos representantes do sector que o Concello vai retomar a promoción das Illas Cíes para volver contarlle a toda España que "Vigo é unha cidade extraordinaria que trata ben aos turistas". A seguinte acción de promoción será o próximo luns en Madrid, onde o alcalde visitará un túnel da Estación Sur do metro que estará vinilado con imaxes das Cíes e polo que pasan 25 millóns de persoas.
Descargar todas as imaxes