martes, 22 xuñ 2010
O concelleiro de Cultura, Xesus López, anunciou este martes que o músico arxentino Andrés Calamaro actuará no pavillón de As Travesas o vindeiro 18 de setembro ás 22 horas. O concelleiro nacionalista explicou que no concerto Calamaro presentará o seu último traballo, "On the rock", e que as entradas poden adquirirse na taquilla de Carrefour e a través de Ticketmaster a un prezo de 30 euros.
luns, 21 xuñ 2010
O recén remodelado Auditorio Municipal acollerá o xoves, 24 de xuño, o espectáculo infantil "Botazz! O swing do jazz" a cargo da compañía Galitoon, segundo informa a Concelleríade Cultura. Esta obra, dirixida a nenos e nenas a partir de tres anos, representarase no marco do Festival Internacional de Jazz de Vigo Imaxina Sons, ás 12, 17.30 e 19 horas. A entrada custa tres euros e pódese adquirir anticipadamente en www.caixanova.es.
venres, 18 xuñ 2010
Xa están á venda as entradas para asistir ao concerto que o grupo de hip hop Public Enemy ofrecerá no auditorio de Castrelos o día 5 de agosto ás 22 horas. Puxéronse á venda un total de 3.500 entradas, a un prezo de 10 euros adquiríndoas anticipadamente e 12 euros en taquilla. Poden mercarse a través de www.servinova.com, no teléfono 902 504 500 e na Central de Espectáculos (rúa Velázquez Moreno).
xoves, 17 xuñ 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou este xoves que o remodelado Auditorio Municipal se inaugurará o vindeiro martes, 22 de xuño, cun espectáculo de danza a cargo do compañía de Quique Peón, e a partir desa data acollerá unha programación municipal estable das artes escénicas. Na visita que realizou esta mañá ao Auditorio, na que tamén participou o concelleiro de Cultura, Xesus López, o nacionalista destacou que a reforma permitiu solucionar as "innumerables deficiencias e carencias que viña arrastrando de hai moitos anos".
martes, 15 xuñ 2010
Os concelleiros de Cultura, Xesus López, e Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, anunciaron este martes que os xardíns do Pazo de Castrelos acollerán un ciclo de música clásica os venres do 2 de xullo ao 10 de setembro. Na presentación do ciclo, os nacionalistas salientaron que os concertos serán gratuítos e dunha gran calidade, xa que serán protagonizados por alumnos e alumnas dos dous conservatorios de música de Vigo, o Superior e o Profesional.
martes, 15 xuñ 2010
Os gañadores e gañadoras do XII Concurso Peninsular de Piano do Real Club Náutico para intérpretes novos, que conta coa colaboración da Concellería de Cultura, actuarán mañá, 16 de xuño, ás 20 horas no Centro Cultura Caixanova. Segundo salienta o concelleiro Xesus López, o obxectivo deste concurso é difundir a cultura musical e apoiar o talento e a creatividade dos novos pianistas, promocionando as súas carreiras artísticas.
venres, 11 xuñ 2010
O concelleiro de Cultura, Xesus López, anunciou este venres, que a recadación da edición do Festiclown 2010, que se celebrará na nosa cidade na última semana de xullo, destinarase á organización do I Festival Internacional de Pallasos en Palestina no vindeiro mes de outubro. O concelleiro nacionalista afirmou que con esta iniciativa preténdese levar as risas a un lugar que sofre "un dos conflitos más vergoñentos do mundo"
xoves, 10 xuñ 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Patrimonio Histórico, presentaron este xoves a proposta "Artistas na rúa, 3+2", enmarcada no proxecto artístico "Cidade de soños". Mediante esta iniciativa, cinco artistas executarán as súas obras de arte do 21 de xuño ao 4 de xullo no parque de Castrelos, de xeito que toda a cidadanía poderá contemplar o proceso de creación.
mércores, 9 xuñ 2010
As entradas para asistir ao concerto de Joan Manuel Serrat, que terá lugar no auditorio de Castrelos o vindeiro 22 de xullo ás 23 horas, saen mañá á venda. Segundo anunciou o concelleiro de Cultura, Xesus López, poñeranse á venda 1.500 entradas, a un prezo de 10 euros na venda anticipada e 12 euros o mesmo día da actuación. Poderanse mercar en www.servinova.com, no teléfono 902 504 500 e na Central de Espectáculos (rúa Velázquez Moreno).
venres, 4 xuñ 2010
O vindeiro domingo 6 de xuño, o Museo Quiñones de León desenvolve unha nova edición do programa para familias "Domingos de museo", que se celebrará baixo o título "O xogo da abstracción". Segundo salientou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, esta iniciativa é de carácter gratuíto e está dirixido a nenos e nenas entre os 4 e os 12 anos