Escoitar

Mañá venres inaugúrase na Casa das Artes a mostra "A breve verba", organizada polas concellerías de Cultura de Vigo e A Coruña

A Casa das Artes acolle dende mañá e ata o 23 de xaneiro a exposición "A breve verba", foito do traballo conxunto entre as concellerías de Cultura de Vigo e A Coruña, segundo explicou hoxe o concelleiro Xesus López. Nesta mosta de arte contemporánea, comisariada por David Barro, poderanse ver 58 obras dos artistas galegos Almudena Fernández Fariña, Bosco Caride, Tatiana Medal e Xurxo Gómez-Chao.

xoves, 16 dec 2010
"As concellerías de Cultura de Vigo e A Coruña queremos manifestar o orgullo de traballar xuntas, de contemplar o diálogo creativo, entre a Casa das Artes e o Kiosco Alfonso", destacou Xesus López. Para o concelleiro de Cultura de Vigo, esta colaboración é o comezo do que debe ser unha práctica sistemática que consiste en poñer espazos e contidos "cara a cara", para fomentar o traballo en rede.

Segundo o concelleiro nacionalista, a selección de artistas realizada por David Barro para participar na exposición "A breve verba", resulta "ben atinada" para achegarnos a un panorama significativo, posto que Almudena Fernández Fariña, Bosco Caride, Xurxo Gómez-Chao e Tatiana Medal son actualidade. Pero considera que a mostra conxunta permite coñecer "a súa mensaxe máis a fondo a través das breves verbas, cheas de significados, que o comisario extrae de diversos textos para explicarnos os seus discursos e a súa estética".

Por outra parte, asegura que este proxecto expositivo ten "un valor especial" para as concellerías de Cultura e para as cidades de Vigo e A Coruña, "pola riqueza múltiple que ofrecerá ao público visitante", así como polo diálogo dos creadores e creadoras cos espazos, e colaboración como "ruta natural" entre o sur e o norte.

Almudena Fernández Fariña é artista e profesora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Conta con recoñecementos como o Premio de Pintura L’Oreal, a Bolsa Caixa Galicia ou a Bolsa Pollock-Krasner Foundation. Nos seus traballos ten o obxectivo de despregar a pintura máis alá do soporte convencional, esvaecendo os límites con outras disciplinas e procurando novas relacións ao entrar no terreo do deseño, das artes aplicadas e do repertorio da ornamentación.

O artista vigués Bosco Caride, licenciado en Belas Artes pola Universidade de Salamanca, formou parte en 1986 da exposición «Novíssimos» e recebeu a Bolsa de Novos Valores da Bienal de Pontevedra no 1988. A súa pintura, pretendidamente abstracta nos seus comezos, sempre se perfilou como algo próximo á figuración. As súas últimas obras, que se puideron ver en exposicións como Pintura Mutante ou Telepronter, son mostras claras da vocación do artista como cronista ou contador de historias aparentemente suspendidas dun espazo-tempo recoñecible pero que case semella pertencer máis ao mundo do soño.

A artista coruñesa Tatiana Medal é licenciada en Belas Artes pola Facultade de Pontevedra. Foi galardoada con premios como a Bolsa de Artes Plásticas da Deputación da Coruña (1996) ou o Premio Julián Trincado na vi Mostra Unión Fenosa (1999). Na súa obra pódese advertir o gusto por construír desde o serial, avanzando a partir de mínimas alteracións, quizais delatando esa inicial inclinación polo mundo do gravado. Traballa no mundo da pintura, aínda que moitas veces a partir de fotografías ou instalacións, nalgunhas ocasións ten unha intensidade máis próxima ao debuxo que abre novas posibilidades.

O artista coruñés Xurxo Gómez-Chao é licenciado pola Universidade de Valencia e a mediados dos anos oitenta volta a Galicia para participar en exposicións como «Novíssimos». No ano 1989 obtivo unha bolsa da Deputación da Coruña que lle permitiu ir a París a estudar, o cal marcará a evolución do seu traballo desde unha plástica expresionista a unha pintura máis reflexiva. Na actualidade, a súa obra reencarnouse no medio fotográfico para reflectir experiencias paisaxísticas ou oníricas, sempre desde unha perspectiva pictórica.