Escoitar

Concertos, parker, obradoiros, skate e proxeccións abren mañá venres no Náutico a segunda edición das xornadas Moceando

A segunda edición das xornadas Moceando, organizadas pola Concellería de Xuventude, comezan mañá 17 de decembro ás 17 horas nunha carpa instalada fronte ao Náutico. As actividades propostas inclúen actividades variadas como concertos, obradoiros, exhibición de grafitti, parker, skate e proxección de traballos co obxectivo de dar a coñecer o que fai a mocidade no seu tempo de lecer.

xoves, 16 dec 2010
Nas xornadas "Moceando nun universo de iniciativas xuvenís" participan 34 asociacións e colectivos que traballan cos mozos e mozas de Vigo, de xeito que poderán reunir a máis de 2.000 rapaces e rapazas dende mañá ata o domingo. O horario de mañá será de 17 a 1 horas da madrugada; o sábado de 11.30 a 1 horas e o domingo de 12 a 21 horas.

Na actuación de mañá participarán os grupos Os Vacalouras, Ataraxia (gañador do concurso "Ao mesmo son"), O'Neil & Cheddarchic (rap), As & Kmeanwi1000 (rap) e Mad Incus (rock alternativo). Haberá obradoiros e cursos de risoterapia, break-dance, candombé, cociña afrodisíaca e degustación de productos típicos de Uruguai, entre outros. Ademais, a proxeccións das curtas do Festival Curtopía e sobre o reggae en Galiza centrarán as propostas para os afeccionados e afeccionadas ao cine.

O sábado 18 de decembro, no concerto está prevista a actuación das bandas Polos Opuestos (rap), Jako (rap), Pandereteiras (Asubío), Comparsa Uruguayos por el Mundo, Romasanta (rock), The Outsiders (hard rock), Sr Miyagi (hard rock metal), unha exhibición de capoeira a cargo de Muzenza, e Batalla Break dance. Haberá exhibicións de parkour e roller e cursos de skate, capoeira ou samba, así como obradoiros de graffiti, iniciación aos xogos de cartas e un concurso debuxo rápido. Tamén se poderán ver as proxeccións a cargo de Montañeiros Celtas e sobre deportes extremos e Peña Trevinca.

Finalmente, na actuación do domingo participarán o grupo Jackson Legacy, Miriam Sandoval & Corda tambores, Malo será (rock pop), Zamaramandi (reggaeroots dub) e Meninos Carentes (funki reggae). Entre os obradoiros propostos poderase participar no de videojockey, circuit bending, break-dance ou reparación e mantemento de esquíes. As proxeccións centraranse na capoeira, os deportes extremos e os traballos de Montañeiros Celtas, entre outras.