mércores, 6 out 2010
O concelleiro de Cultura, Xesus López, salientou hoxe que o festival Sinsal ten unha "programación de risco e vangardista" que nesta última parte do ano incorpora o Auditorio Municipal e a sala Mondo aos seus escenarios habituais. O seguinte concerto do festival será o vindeiro 18 de outubro ás 21 horas na sala Mondo, onde actuarán Masters Musicians of Bukkake e Future Islands.
martes, 28 set 2010
O concelleiro de Cultura, Xesus López, anunciou hoxe que o vindeiro venres comeza a programación estable de artes escénicas do Auditorio Municipal, "cumprindo o noso compromiso". Na presentación do programa do primeiro mes e medio, que se desenvolverá do 1 de outubro ao 15 de novembro, o nacionalista salientou que o remodelado auditorio acollerá espectáculos teatrais, música e danza, para os que se poden mercar as entradas na web www.laboleria.es ou na propia taquilla unha hora antes do comezo das actuacións.
venres, 24 set 2010
O Punto Xove de López de Neira acolle do vindeiro luns 27 de setembro e ata o 12 de outurbo unha mostra que leva por nome "Series fotográficas sobre Vigo e Londres", de Fernando Conde Lamas. A exposición poderá visitarse nestas instalacións da Concellería de Xuventude en horario de luns a venres de 9:30 a 14 horas e de luns a xoves de 17 a 20 horas e se completará cunha proxección o xoves 7 de outubro ás 19 horas.
venres, 24 set 2010
A mascota do Museo Quiñones de León, Landriña, acompañará aos visitantes nunha nova proposta do programa "Domingos de museo", que terá lugar o vindeiro domingo, 26 de setembro. Nesta ocasión, Landriña propón un percorrido polas esculturas do Museo da Cidade, que se completará cun obradoiro no que os participantes poderán realizar as súas propias obras de arte.
luns, 20 set 2010
Vigo acollerá desde mañá o Trofeo Mundial de Acordeón, que reunirá na cidade a 70 participantes. Os mellores intérpretes desta modalidade chegados de 18 países, entre eles China, Rusia, Austria, Sudáfrica ou Nova Zelanda, ofreceran ata o vindeiro sábado o mellor do repertorio musical de acordeón.
venres, 17 set 2010
O Museo da Cidade "Quiñones de León" continúa cos seus "Domingos de Museo", onde se poderá seguir gozando da visita dinamizada para nenos e nenas e familias e das visitas guiadas para público en xeral. Este domingo Landriña propón unha divertida ruta polo museo na que a través dos cadros da colección de pintura galega os visitantes descubrirán oficios e labores representados nos cadros do museo.
venres, 10 set 2010
O Museo da Cidade "Quiñones de León" continúa cos seus "Domingos de Museo", onde se poderá seguir gozando da visita dinamizada para nenos, nenas e familias e das visitas guiadas para público en xeral. Este domingo Landriña ensinaralles como antes do nacemento e popularización da fotografía eran os pintores e pintoras quen, nos seus lenzos, retrataban as persoas e as representaban de moi diversas formas. Unhas veces de xeito naturalista ou realista, outras, de xeito imaxinativo e creativo.
mércores, 8 set 2010
A Casa das Artes acolle mañá a inauguración da exposición "Os anos escuros" con fondos do Arquivo Pacheco. A mostra fotográfica presenta, a través dun conxunto de case oitenta fotografías, o tempo que seguiu ao golpe de estado que se produciu no verán de 1936. Esta é unha máis das iniciativas que a Concellería de Cultura está a desenvolver para poñer en valor o legado do Arquivo Pacheco e amosalo á cidadanía.
martes, 7 set 2010
A dimensión europea da Galicia espiritual. Textos e documentos sobre o Camiño de Santiago na Fundación Penzol" é o título da exposición que se inaugura mañá na Casa Galega da Cultura coa colaboración da Concellería de Cultura. No marco da celebración deste Ano Xacobeo 2010 e co obxectivo de contribuír ao fomento e coñecemento deste patrimonio común, cristalizado a través das peregrinacións a Compostela, a Fundación Penzol, dentro da súa liña de actividades que adoita programar e desenvolver anualmente, organiza esta exposición que permite amosarlle ao público interesado unha selección daqueles seus fondos bibliográficos e documentais que gardan relación ou versan encol do Camiño.