Escoitar

Inversa Teatro representa mañá venres no Auditorio Municipal a obra "A illa das mulleres loucas", con música de Berrogüeto

"A illa das mulleres loucas" representarase mañá, 18 de febreiro, no Auditorio Municipal dentro do programa "Con T de Teatro", que organiza a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural. A obra, interpretada por Inversa Teatro e dirixida ao público adulto, terá lugar ás 21 horas e conta con música orixinal composta por dous integrantes de Berrogüeto, que a interpretan en directo. As entradas, que teñen un prezo de 7 euros, pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación.

xoves, 17 feb 2011
Inversa Teatro volta de novo ós escenarios coa peza "A Illa das Mulleres Loucas", dirixida por Vanesa Sotelo. A obra está baseada no texto homónimo de Alfonso Pexegueiro e trátase dun recital dramático onde a linguaxe do corpo (encarnada polas actrices María Caparrini e Vanesa Sotelo) e a palabra do propio autor en escena se combinan coa música orixinal que os integrantes de Berrogüetto Anxo Pintos (zanfona) e Quico Comesaña (arpa) compuxeron para a ocasión e interpretan en directo.

"A illa das Mulleres Loucas" é unha peza poética de gran plasticidade na que as fronteiras entre o pasado, o presente e o futuro se esvaen para desvelar un tempo suspendido onde unha muller libra a súa propia batalla por definir os límites entre cordura e loucura. A obra presenta unha muller escindida entre a vida e a morte, entre o primitivo e o civilizado, entre a razón e a paixón, entre a ilusión do futuro e o desengano do pasado.