xoves, 17 febreiro 2011

O alcalde asegura que o AVE Vigo-Ourense por Cerdedo ten "contratos, orzamentos e compromisos" que o fan "irreversible"

Abel Caballero valorou de "moi boa nova" a contratación da redacción dos proxectos da conexión de Alta Velocidade por Cerdedo, despois de que o BOE publique este xoves os contratos dos dous últimos tramos, como xa anunciara o ministro José Blanco en Vigo dúas xornadas atrás. Unha vez finalice a redacción, o Ministerio de Fomento estará en disposición de licitar conxuntamente proxecto e obra do AVE directo con Ourense e Madrid.

Caballero e a Fundación acordan celebrar un memorial en tributo dos Vigueses Distinguidos falecidos

xoves, 17 feb 2011

Na reunión celebrada este xoves entre o alcalde de Vigo e a Fundación Vigueses Distinguidos acordouse introducir unha novidade sobre os actos institucionais habituais de cada ano para a conmemoración da festividade do 28 de marzo. Segundo informou Caballero, o 22 de marzo terá lugar un acto en memoria do primeiro Vigués Distinguido e do último en falecer, neste caso, don Francisco Fernández del Riego. Esta iniciativa pretender "rendirlles un tributo" e nace con vocación de celebrarse anualmente.

Santi Domínguez presenta "De tendas por Vigo" como medida de apoio ao pequeno comercio e fidelización dos seus clientes

xoves, 17 feb 2011

O tenente de alcalde e concelleiro de Comercio, Santi Domínguez, presentou este xoves "De tendas por Vigo", unha iniciativa que ten por obxectivo apoiar ao comercio vigués e que iniciará a primeira fase da súa andaina o vindeiro luns, 21 de febreiro. O nacionalista salientou que é unha ferramenta "para facer máis competitivo ao pequeno e mediano comercio da cidade" mediante plataforma www.detendasporvigo.com e o emprego dunha tarxeta de fidelización. Nunha segunda fase poderanse facer tamén compras on line

O programa de Axuda no Fogar atendeu a 771 persoas no 2010 e prestou 203.432 horas de servizo, un 47% máis que no 2009

xoves, 17 feb 2011

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, fixo balance este xoves do Servizo de Axuda no Fogar correspondente a 2010. Destacou que o ano pasado foron atendidas 771 persoas, na súa maioría mulleres viúvas, ás que se lles prestou un total de 203.432 horas de servizo. A concelleira nacionalista afirmou que estes datos supoñen un incremento do 47% respecto ao ano anterior, o que, segundo dixo, significa "un logro moi importante da Concellería de Benestar Social no seu obxectivo de mellorar a calidade de vida da cidadanía".

Xabier Alonso anima a contemplar as 70 "obras de arte" que participarán o sábado no Rallye Rías Baixas de Clásicos

xoves, 17 feb 2011

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, participou este xoves na presentación da XIII Rallye Rías Baixas de Clásicos, que sairá o vindeiro sábado, 19 de febreiro, ás 10 horas dende a Praza do Rei. O nacionalista fixo un chamamento aos afeccionados e afeccionadas ao mundo do motor a achegarse a esta praza antes da saída para contemplar os 70 vehículos participantes, que o nacionalista cualificou de "obras de arte", posto que todos teñen unha data de fabricación anterior a 1975.

O alcalde participa na presentación do Plan de actuación de Navalia 2012

xoves, 17 feb 2011

O plan pretende situar ao evento vigués coma un referente internacional xa que tras a celebración de tres edicións Navalia converteuse na primeira feira de España e na cuarta do mundo do seu sector. O plan presentado onte mércores aséntase na captación de expositores, de visitantes internacionais, na promoción exterior e na creación da marca "Sector naval galego".

Caballero reúnese con profesionais da Sanidade

xoves, 17 feb 2011

O alcalde mantivo un encontro con este colectivo para abordar temas clave da cidade así como as preocupacións máis concretas deste sector. Na reunión, que tivo lugar onte mércores na Alcaldía, abordáronse temas coma o novo hospital de Vigo, a situación de Povisa así coma centros de saúde da cidade.

Inversa Teatro representa mañá venres no Auditorio Municipal a obra "A illa das mulleres loucas", con música de Berrogüeto

xoves, 17 feb 2011

"A illa das mulleres loucas" representarase mañá, 18 de febreiro, no Auditorio Municipal dentro do programa "Con T de Teatro", que organiza a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural. A obra, interpretada por Inversa Teatro e dirixida ao público adulto, terá lugar ás 21 horas e conta con música orixinal composta por dous integrantes de Berrogüeto, que a interpretan en directo. As entradas, que teñen un prezo de 7 euros, pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación.