Escoitar

Xabier Alonso anima a contemplar as 70 "obras de arte" que participarán o sábado no Rallye Rías Baixas de Clásicos

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, participou este xoves na presentación da XIII Rallye Rías Baixas de Clásicos, que sairá o vindeiro sábado, 19 de febreiro, ás 10 horas dende a Praza do Rei. O nacionalista fixo un chamamento aos afeccionados e afeccionadas ao mundo do motor a achegarse a esta praza antes da saída para contemplar os 70 vehículos participantes, que o nacionalista cualificou de "obras de arte", posto que todos teñen unha data de fabricación anterior a 1975.

xoves, 17 feb 2011
1297959511Rally.JPG
Xabier Alonso salientou o incremento da participación das mulleres neste eido, ao igual que no resto das probas deportivas. "Estou seguro que será un espectáculo contemplar os 70 coches que participarán no rallye", afirmou, tras destacar a forte tradición existente en Vigo co mundo do motor, tanto no ámbito empresarial como de lecer.

A edición deste ano presenta como novidade que o rallye ten previsto o seu remate en Compostela ás 18.30 horas. "Para que os participantes poidan asistir ao Salón de Automóbiles Clásicos que se celebra en Santiago", explicou o presidente da Escudería Rías Baixas, Fernando Mouriño. Lembrou ademais, que non se trata dunha proba de velocidade, senón que o importante é a boa conservación dos vehículos e a participación dos afeccionados no obxectivo de "dar a coñecer o patrimonio automobilístico da cidade".

O responsable de márketing de Faro de Vigo, Pedro Nuno, agradeceu á organización o esforzo por organizar o rallye. A delegada da Xunta en Vigo, Lucía Molares, pola súa banda, asegurou que a celebración da 13 edición "demostra o serio traballo que desenvolve a escudaría ao longo dos anos".
Descargar todas as imaxes