Escoitar

Iolanda Veloso anuncia que o venres comeza a inscrición no programa "Tanto monta, monta tanto", con 75 prazas

A concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, anunciou hoxe que o vindeiro venres, 18 de febreiro, ábrese o prazo de inscrición para participar no programa "Tanto monta, monta tanto", que nesta edición oferta un total de 75 prazas. A concelleira nacionalista destacou que esta iniciativa ten por obxectivo fomentar a corresponsabilidade e superar as desigualdades que aínda existen no ámbito doméstico.

mércores, 16 feb 2011
1297864422Tanto.JPG
Iolanda Veloso salientou que este "Tanto monta, monta tanto" forma parte do cuarto Plan de Igualdade, aprobado o ano pasado polo Concello de Vigo, e está integrado por dous cursos mixtos, un dirixido exclusicamente aos homes e outro para mulleres, todos eles gratuítos e relacionados coa convivencia doméstica. "Pretendemos continuar co programa porque ten moi boa acollida", afirmou. A inscrición pódese facer a través do teléfono 986 810 284 ou na Concellería de Igualdade do Concello de Vigo (primeiro andar).

Respecto ao curso destinado aos homes, a concelleira de Igualdade explicou que está centrado nos saberes e faceres domésticos, "para que non haxa ningún home que poña como escusa 'eu non sei'". Haberá 15 prazas, será impartido por profesorado especialista e terá lugar na Aula Sísifo de Formación, os martes e xoves, do 10 de marzo ao 12 de maio. O curso dirixido ás mulleres está relacionado coas actividades desenvolvidas maioritariamente por homes, como reparacións domésticas básicas e o seu número de prazas é de 20. Impartirase no CIFP Valentín Paz Andrade, os martes e xoves, de 18 a 21 horas do 15 de marzo ao 10 de maio.

No tocante aos cursos mixtos, Iolanda Veloso indicou que un estará dedicado á comunicación e outro ao coidado das persoas dependentes. O curso "Podo comunicarme mellor" desenvolverase os luns e mércores do 14 de marzo ao 11 de abril na Casa das Mulleres. O que tratará sobre o coidado das persoas dependentes será os martes e xoves, do 17 de marzo ao 3 de maio, no Centro de Estudos de Povisa.

En resposta aos medios sobre a idade das persoas participantes, a concelleira nacionalista destacou que son "perfís moi diversos", de xeito que se poden atopar rapaces moi novos ou homes maiores que agora viven sós. Porén, afirmou que ademais do interese xeral por aprender as técnicas "tamén existe unha concienciación sobre a igualdade máis ou menos explícita".
Descargar todas as imaxes