Escoitar

O tenente de alcalde anuncia que a estrea de "Novo Vigo Vello" con Tosar en Vigo será o vernes e terá outro pase o domingo

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou hoxe que o venres, 18 de febreiro, o Centro Social de Novacaixagalicia acollerá a estrea do documental "Novo Vigo Vello: Vida e xente na reconquista do Casco Vello de Vigo", coa presenza Luis Tosar. O nacionalista indicou que ademáis haberá outro pase o domingo para que todas as persoas interesadas teñan a opción de ver este documental financiado a través do Plan de Competitividade Turística. Santi Domínguez tamén avanzou que xa comezou a distribución do filme nas canles de televisión e que a partir do segundo semestre deste ano entrará no circuíto de festivais estatais e internacionais.

mércores, 16 feb 2011
1297864368Estrea.JPG
Santi Domínguez afirmou que os vigueses e viguesas "tiñan que ver o documental tan pronto como o permitise a axenda de Tosar", especialmente despois do "gran éxito" que acadou a estrea en Madrid e a crítica moi positiva que manifestaron os alí presentes, "incluso os medios especializados", segundo comentou. O tenente de alcalde indicou que despois da estrea do venres, haberá outro pase o domingo, 20 de febreiro, ás 12 horas, tamén no Centro Social de Novacaixagalicia, ao que se poderá asistir a través de convites que se poden recoller na Tenencia de Alcaldía.

"Ademais destes dous pases, o documental achegarase aos barrios e parroquias de Vigo, porque non queremos que ninguén quede sen velo", asegurou o tenente de alcalde. Tamén se farán pases de "Novo Vigo Vello" na sala "Vigofilm" do Centro de Recepción de Visitantes da Estación de Ría.

Santi Domínguez salientou que o documental xa foi enviado a máis de 10 canles de televisión e que nas vindeiras semanas continuará a súa distribución. O nacionalista aclarou que nestes momentos, a través da produtora Filmanova, estase tramitando a súa emisión. "Hai unha canle que de cobertura estatal que está tremendamente interesada en emitilo", avanzou. Ademais, o nacionalista explicou que dende xuño o documentará poderá verse en oferta vídeo baixo demanda da canle R.

Paralelamente "Novo Vigo Vello" entrará no circuíto de festivais. O tenente de alclade ndicou que o documental presentarase á Mostra Internacional do Documental Independente de Cádiz, ao Festival Internacional de Documental de Barcelona (Docúpolis), ao Festival Internacional de Cine Documental e Curtametraxe de Bilbao e á Mostra Internacional de Patrimonio Arquitectónico de Madrid. No eido internacional, está previsto presentalo presentalo aos festivais de Kassel e Leipzig, en Alemaña; ao Festival Internacional de Documentais de Copenhague; en Francia ao Festival de La Rochelle; ao Festival de Documentais de Amsterdam; ao Festival de Sheffield, en Inglaterra; así como a certames en Milán, Lisboa e Bos Aires.

"Temos o obxectivo de poñer en valor a cidade e abrir unha fiestra ao mundo do que ten Vigo de particular", manifestou Santi Domínguez. Destacou que "temos a fortuna de contar cun dos actores máis internacionais, un director experimentado neste tipo de guións, ademais dos actores Antela Cid e Fran Peleteiro, así como polos veciños e veciñas do Casco Vello".

O director de "Novo Vigo Vello", Eduardo Rolland, expresou os seus agradecementos ás diferentes administracións implicadas no proxecto, nomeadamente á Tenencia de Alcaldía "porque foi a que impulsou o documental", así como a produtora Filmanova e Antón Reixa "porque apostou polo proxecto dende o primeiro momento". Tamén agradeceu o labor dos actores "que non o son pero exerceron como tales", en referencia aos veciños e veciñas do Casco Vello, e ao propio Luis Tosar pola súa profesionalidade. "Gustaríame que o documental sirva para que vexan fóra o que temos e que os vigueses e as viguesas descubramos que ao mellor temos un tesouro polo que paga a pena dar un paseo", manifestou.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, expresou a súa satisfacción por volver a presentar o documental, esta vez en Vigo. Segundo dixo amosa o impulso dado á recuperación do Casco Vello, "que mellorou notablemente nos últimos anos". Destacou que é froito da colaboración de tres administracións, Turespaña, Xunta e Concello de Vigo, a través do Plan de Competitividade Turística.
Descargar todas as imaxes