Escoitar

A nova estación de Urzáiz terá unha praza superior de 26.000 m2 e integrarase na "paisaxe da cidade"

O ministro de Fomento, José Blanco, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o arquitecto, Thom Mayne, presentaron este martes o proxecto da nova estación do AVE de Urzáiz, que contará cun aparcadoiro soterrado de 1.350 prazas, espazo de ocio e comercial, e unha gran praza pública superior. O arquitecto salientou que a vista á Ría de Vigo está "sempre presente" en todo o edificio e, xunto con Blanco e Caballero, coincidiron en afirmar que a nova estación introduce a Vigo de cheo no século XXI.

martes, 15 feb 2011
1297776972estacion.jpg
A nova estación do AVE de Urzáiz terá un aparcamento de 1.350 prazas, zona comercial e de ocio e unha gran praza pública superior de máis de 26.000 metros cadrados, un edificio chamado a integrarse na "paisaxe da cidade".

Hoxe martes tivo lugar a presentación oficial do proxecto arquitectónico de Thom Mayne na Casa das Artes, coa participación do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e do ministro de Fomento, José Blanco, entre moitas autoridades presentes. O arquitecto indicou que, tras dous anos de traballo, elaborou un "proxecto que vai transformar a cidade de Vigo" e introduce á urbe no século XXI.

A praza pública da cuberta terá un paseo con bancada e vistas á Ría de Vigo e albergará a entrada principal ao edificio, ademais do acceso actual e un novo pola Vía Norte. Mayne definiu a construción como un "xerador de infraestrutura urbana" e polo de desenvolvemento do municipio. Co aparcamento, a estación propiamente dita, a zona de ocio e comercial e a praza pública, o estadounidense cualificou a estación como un "trozo da cidade".

A paisaxe está "sempre presente", afirmou o premio Pritzker, en todos os andares da estación, tanto na praza superior como no espazo comercial e nos andenes, "bañados pola luz natural" e cos teitos ondulantes en "forma de nube". O custo da estación Vialia de Vigo supera os 181 millóns de euros.

O alcalde de Vigo cualificou o proxecto de "revolución no transporte, na arquitectura e no impulso económico da cidade", e explicou que Vigo tiña que "seguir estando á altura dos mellores" arquitectos e recordou as figuras de César Portela, Rafael Moneo, Irisarri, Palacios ou Madariaga: "é o modelo de cidade que nos gusta e queremos".

Abel Caballero agradeceu ao ministro de Fomento ter superado as "dificultades" existentes para "reubicar" o acceso a Vigo da Alta Velocidade, recoñeceu a "mobilización" de recursos para as estacións de Guixar e Urzáiz, e a entrada ferroviaria en túnel. O rexedor destacou tamén os investimentos de Fomento na nova terminal e no aparcadoiro de Peinador e a comprometida ampliación da ponte de Rande, ademáis da autovía a Pontevedra.

Pola súa banda, o ministro de Fomento afirmou que "o futuro non se improvisa, constrúese con pasos firmes" e a estación do AVE de Vigo é un destes. "Vigo vai convertirse nunha cidade máis sostible e máis accesible", indicou José Blanco, coa nova infraestrutura, "punta de lanza" do sistema ferroviario vigués e "á altura das necesidades da cidade máis dinámica de Galicia".

O titular de Fomento avanzou tamén que no verán comezará a operar a estación de Guixar, chamada a substituir á de Urzáiz mentres se derruba a actual e se edifica o proxecto de Thom Mayne, e cifrou en 660 millóns de euros os investimentos ferroviarios totais na cidade olívica, "a maior inversión en infraestruturas da súa historia". O ministro reiterou a compromiso do AVE vigués co Eixo Atlántico e con Ourense e Madrid directo por Cerdedo. "Hoxe presentamos unha solución para o século XXI, un tempo no que Galicia sabe que sempre poderá contar con Vigo", concluíu Blanco.
Descargar todas as imaxes