Escoitar

O programa de Axuda no Fogar atendeu a 771 persoas no 2010 e prestou 203.432 horas de servizo, un 47% máis que no 2009

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, fixo balance este xoves do Servizo de Axuda no Fogar correspondente a 2010. Destacou que o ano pasado foron atendidas 771 persoas, na súa maioría mulleres viúvas, ás que se lles prestou un total de 203.432 horas de servizo. A concelleira nacionalista afirmou que estes datos supoñen un incremento do 47% respecto ao ano anterior, o que, segundo dixo, significa "un logro moi importante da Concellería de Benestar Social no seu obxectivo de mellorar a calidade de vida da cidadanía".

xoves, 17 feb 2011
1297959480SAF.JPG
"A Axuda no Fogar é un dos servizos dos que a Concellería de Benestar Social está máis orgullosa, porque está a conseguir que xente maior ou con discapacidade poida seguir vivindo no seu medio sen ter que ir a unha residencia", explicou María Méndez. A concelleira de Benestar salientou que cando asumiu a responsabilidade de xestionar este departamento o Servizo de Axuda no Fogar atendía a pouco máis de 300 persoas e hoxe se aproxima ás 800. En canto ao orzamento do programa sinalou que se adicaron un total de 2.700.000 euros, fronte ao algo máis dun millón que tiña ese servizo no ano 2007.

No tocante ao perfil dos usuarios e usuarias, a concelleira nacionalista sinalou que a idade media está situada nos 78 anos, con predominancia de mulleres, xa que das 771 persoas atendidas no 2010, 585 son mulleres e 186 homes; ademais, apuntou que 556 son persoas maiores e 110 persoas con discapacidade.

A edil do BNG dixo que do que se trata "é de que os usuarios e usuarias teñan a vida máis normal posible". Neste sentido explicou que ao longo do ano fanse excursións, obradoiros de diversas actividades, así como dous festas, no verán e no Nadal. María Méndez asegurou que este programa, ademais de prestar servizo ás persoas permite crear postos de traballo no eido do traballo social. Apuntou que o servizo é prestado, mediante unha empresa concesionaria, por 5 traballadoras sociais, 1 psicóloga, 178 auxiliares de axuda no fogar e 2 administrativos. "Hai ano e medio traballaban 100 persoas e agora son preto 200", destacou.

A concelleira de Benestar Social explicou, por outra banda, que o Servizo de Axuda no Fogar atende a dous tipos de usuarios: os que entran pola Lei de Dependencia e os de libre concurrencia. Respecto ao primeiro caso indicou que se trata de persoas ás que hai que proporcionarlle un maior número de horas de atención, o cal explica o forte incremento de horas de servizo no 2010. Explicou que 1 hora de SAF custa ao Concello 13,35 euros, mentres que a Xunta só paga 10 euros por cada usuario e, polo tanto, o resto ten que asumilo a administración local. "Non é certo que a Lei de Dependencia a paguen entre as administracións autonómicas e o goberno central, porque o 30% o pagan os concellos", aclarou.

No tocante ao segundo caso, sinalou que depende en gran medida do Plan Concertado coa Xunta de Galiza, actualmente conxelado. Neste sentido, a concelleira nacionalista fixo un chamamento a que o goberno galego non conxele este plan para poder dar servizo a todas as persoas que o necesitan. En resposta aos medios sobre as previsións para 2011, María Méndez indicou que é "difícil facer cálculos", pero manifestou que se trata dun servizo que previsiblemente seguirá aumentando.
Descargar todas as imaxes