Castrillo pide que Fomento explique na Comisión de seguimento do AVE o seu proxecto para o enlace Ourense-Vigo

mércores, 14 mai 2003

O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, reclamou a urxente reunión da Comisión Especial de seguimento dos proxectos de Alta Velocidade para coñecer cales son os plans do Ministerio de Fomento para a conexión ferroviaria de Vigo con Ourense. Castrillo reclama seriedade ante as confusas e contradictorias declaracións realizadas nos últimos días por distintos responsables da Xunta e do Goberno central e considera que Fomento debe render contas do seu traballo ante a Comisión que se creou o 17 de xaneiro de 2002 para supervisar os proxectos do AVE.

Gala dos Premios Max das Artes Escénicas

luns, 5 mai 2003

Esta noite coñecerase os gañadores das 24 categorías dos Premios Max das Artes Escénicas no transcurso dunha Gala que se celebra no teatro do Centro Cultural Caixanova e que organiza a Sociedade Xeral de Autores e Editores coa colaboración do Concello de Vigo. Aos galardóns a concurso engádense outros outorgados polo comité organizador: o premio de honra a Alfonso Sastres, o de teatro alternativo á Sala Yago de Santiago de Compostela e o hispanoamericano das artes escénicas ó chileno Marco Antonio de la Parra. En Galicia a Gala será retransmitida pola cadea de Localia televisión a partir das 21.30 h.

Vigo acolle o luns a gala dos Premios Max das Artes Escénicas

venres, 2 mai 2003

O coreógrafo Ramón Oller presentou as características da gala da VI edición dos Premios Max das Artes Escénicas que terá lugar o próximo luns, 5 de maio, no teatro do Centro Cultural de Caixanova e que conta coa colaboración do Concello de Vigo. Na presentación tamén estivo o alcalde Lois Castrillo e Javier Vidal, delegado xeral da SGAE en Galicia. Os galardóns, instaurados pola Sociedad General de Autores y Editores teñen como fin promocionar e reivindicar o mundo do teatro, a danza e o circo nas súas diferentes expresións.

O Concello remata a rehabilitación dos muíños do río Eifonso

venres, 2 mai 2003

O alcalde de Vigo visitou os muíños situados á beira do rio Eifonso, na parroquia de Bembrive, que acaban de seren rehabilitados polo Concello. A Concellería de Patrimonio Histórico foi a impulsora da recuperación deste conxunto etnográfico, un proxecto que contou co apoio da entidade local da parroquia.

O alcalde ratifica que o Concello é titular dos viais públicos de Coia

martes, 29 abr 2003

O alcalde, Lois Castrillo, ratificou que os viais públicos de Coia son de titularidade municipal despois de comprobar que se fixo efectiva a cesión ao Concello dos que foron construídos por outras administracións. O alcalde envioulle unha circular a todos os servicios municipais comunicándolles que teñen que facerse cargo do mantemento de todos os servicios públicos situados nos viais públicos do barrio.