Escoitar

Os Concellos solicitan conxelar os salarios dos cargos electos, como se acordou en Vigo

O alcalde vigués, Abel Caballero, informou hoxe martes na Executiva da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) das medidas de austeridade que está a adoptar o Concello de Vigo para afrontar a situación económica, e a Federación aprobou unha declaración na que solicitan a conxelación das retribucións dos cargos electos, tal e como se ten acordado en Vigo.

martes, 30 set 2008
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acudiu este martes ao encontro da Comisión Executiva da FEMP, onde informou aos municipios das medidas de austeridade adoptadas polo consistorio vigués, como a conxelación dos salarios dos cargos electos, tras o que a Comisión aprobou unha declaración na que se solicita dos Concellos adoptar esta mesma medida.

Entre outros asuntos, a Comisión Executiva abordou o estado da negociación co goberno sobre a reforma do modelo de financiamento local e as previsións dos Orzamentos Xerais do Estado 2009 para as Entidades locais. A este respecto, a FEMP acordou que a próxima semana se celebre unha reunión co secretario de Estado de Facienda, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, para solicitar máis recursos para os Concellos no 2009.

Segundo informou Abel Caballero, estableceuse asemade no encontro a Comisión Política do Plan Estratéxico de Políticas Municipais, entidade da que forman parte o presidente da FEMP, a alcaldesa de córdoba, o alcalde de Santander, o presidente da Deputación de Zamora, representantes de CIU e do PAR e o alcalde de Vigo.

A Federación aprobou tamén este martes un convenio de colaboración co Ministerio de Traballo para a proposta de integración de inmigrantes no ámbito local (promoción da integración de persoas inmigrantes no ámbito local) e un decreto de cooperación sobre desenvolvemento de políticas de emprego no ámbito local.
 
O Ministerio de Traballo, explicou o alcalde de Vigo, móstrase disposto a aceptar proxectos de emprego e de integración de inmigrantes promovidos polos concellos.